Burela, 24 de abril, 2021. O Pescados Rubén Burela FS brillou esta tarde nun festival laranxa no duelo irmandiño ante o Ourense Envialia. Tras o igualado 1-1 ao descanso, as Guerreiras Laranxas presionaron o botón adecuado para regresar en avalancha, con variedade de protagonismo goleador, e noquear as de Morenín. As da cidade das Burgas responderon ben á primeira poutada e conseguiron mitigar lixeiramente, aínda que sen fol, a fenda mariñá, en dúas ocasións achegándose con 6-3 e despois co definitivo 9-4.
Reencontro en cuartos de Copa da Raíña
Ourensás e burelenses volverán verse en menos dunha semana na pugna por un billete para as semifinais de Copa de S.M. A Raíña (Las Rozas, 30 de abril-2 de maio). O duelo galego abrirá a xornada de cuartos, o venres, ás 11.30 horas (en directo a través da web de RTVE).
O electrónico resistiuse ata o final do primeiro acto co peso burelista ante a concentración en defensa do Envialia. No 17, Peque cortou as intencións de Judith dirixidas a Susana, pero a parella ourensá obtivo a recompensa na seguinte xogada, con saque de esquina da antiga burelista. Cami, pouco despois desperdiciou, o empate tamén en estratexia, pero Ale de Paz soubo como selalo a falta dun minuto e medio para o descanso, nun disparo cruzado case sen ángulo, desde asistencia de Peque.
Abriu a veda Leti Cortés na continuación, tocando in extremis o disparo cruzado de Cami (minuto 22). Parecía que tomaba pulo o ataque local e o Ourense non errou na súa grande oportunidade, de penalti, para recuperar a igualdade, con Laura Uña. O duelo irmandiño conseguiu converterse nun monólogo laranxa. Judiht conseguiu frear a parede entre Peque e Dany, pero a pivote hispano-brasileira volveu facer acto de presenza para servirlla a Luísa Mayara (25) e foi a 12 a que lle devolveu o favor á 3 no 27 para subir o 4-2. Viviu entón un gran minuto o conxunto de Julio Delgado, ampliando ata o 6-2 con Lara Balseiro, asistida de novo pola omnipresente Dany, e Bea Mateos recuperando en pista visitante. Outra antiga laranxa, Jenny Lores, conseguiu reducir levemente, con saque desde a banda, pero foi tan só un espellismo. Peque, no 31, avisou nun man a man con Vane para protagonizar un dobrete, no 31 e 33, cun disparo cruzado primeiro e máis tarde nunha xenialidade fronte á meta ourensá. Con 8-3, as ocasións sobre a rede visitantes eran unha tormenta incontrolable, co noveno nas zapatillas de Luísa Mayara, grazas ao control, paciencia e espera da pivote hispano-brasileira. Laura Uña en recuperación maquillou a fenda, sen influír no perigo burelista. O décimo, sen subir ao marcador, superou a liña de meta coa bucina final.
Ficha técnica
Pescadso Rubén Burela FS: Sandra, Cami, Luísa Mayara, Bea Mateos, M. Cortés, cinco inicial; tamén xogaron Ale de Paz, Lara Balseiro, Dany, Peque, Elena Aragón, Jozi Oliveira
Ourense Envialia FSF: Vane, Chiky, Lauara Uña, Judith, Jenny Lores, cinco inicial; tamén xogaron Iria Saeta, María, Susana, Paula Pereiro, Alexandra
Goles: 0-1, minuto 17, Susana; 1-1, minuto 19, Ale de Paz; 2-1, minuto 22, M. Cortés, 2-2, minuto 23, Laura Uña (penalti); 3-2, minuto 25, Luísa Mayara; 4-2, minuto 27, Dany; 5-2, minuto 28, Lara Balseiro; 6-2, minuto 28, Bea Mateos; 6-3, minuto 29, Jenny Lores; 7-3, minuto 31, Peque; 8-3, minuto 33, Peque; 9-3, minuto 35, Luísa Mayara; 9-4, minuto 36, Laura Uña
Árbitros: Crespo Pardo // Darriba Villamor.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 5 (segunda fase) de Primeira División Feminina disputado no municipal Vista Alegre. O Concello de Burela quixo render homenaxe a Jenny Lores; recibiu a antiga burelista na Bomboneira, como xa ocorreu ao longo da tempada con Ana Romero e Luci Gómez, facéndolle entrega dun detalle conmemorativo do título de liga conquistado en Málaga coa camiseta laranxa.