Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentado en Foz o novo programa Bonos Activa Comercio da Xunta

Durante unha visita a varios establecementos da localidade para explicar os detalles da campaña, Arias animou aos autónomos e pemes que rexenten tendas a sumarse a esta iniciativa. O proceso é sinxelo e pode completarse desde unha plataforma web habilitada pola Xunta: bonosactivacomercio.gal. O prazo para facelo está aberto ata o 15 de maio.

O delegado apuntou que os bonos activaranse de xeito inmediato. Así, a partir do 3 de maio os consumidores poderán solicitar estes vales con descontos de 30 euros que financiará a Administración galega para gastar nas tendas participantes. As rebaixas dependerán do valor da compra: por un gasto igual ou superior a 30 euros descontaranse 5 euros; e por un gasto de 50 euros ou máis descontaranse 10 euros.

“O funcionamento do bono será doado e farase a través dunha aplicación para descargar no móbil”, dixo o delegado, quen engadiu que “os clientes poderán identificar os comercios adheridos porque contarán cun distintivo nun lugar visible dos seus locais”.

Tamén precisou que un dos requisitos para participar é cumprir as normas anticovid, “unha cuestión na que xa teñen demostrado a súa implicación os negocios deste sector, que está a ter un comportamento exemplar adaptando a súa actividade ás necesarias medidas sanitarias”. Os que non estean adheridos ao programa Comercio Seguro da Xunta poden facelo ao tempo que se dan de alta na campaña de bonos desconto, desde a mesma plataforma web.

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación destina 10 millóns de euros para que os bonos cheguen a 330.000 clientes de toda Galicia, co fin de mobilizar en total 55 millóns de euros.

Exit mobile version