Burela a 10 de abril de 2021. O PP de Burela denuncia que os malos vicios, que son recorrentes no modo de proceder do Sr. Llano, xa lastran o seu mandato.
Segundo os populares, “puidéronse apreciar parte deles neste último pleno”. “A documentación que debía de servir de base para o debate do mesmo non figuraba no expediente do pleno no momento da súa convocatoria, levada a cabo o pasado luns, algo ao que o obriga a normativa vixente”.
E seguen, “na orde do día do pleno figuraban diversos puntos relativos á dacións de contas que tiña que facer o alcalde, algúns referentes aos informes de morosidade trimestrais do ano pasado, emitidos por tesouraría, no que figuraban numerosas facturas que non foran pagadas no prazo estipulado pola lei”. “Pois ben, tales asuntos non foron nin tan sequera mencionados, algo que prohibe taxativamente a lei, é dicir, os asuntos que van na orde do día hai que tratalos no pleno, salvo que expresamente o alcalde decida retiralos da orde do día na propia sesión plenaria, algo que non sucedeu”.
Dende o PP indican que “estamos ante continuas irregularidades ao longo do mandato do Sr. Llano, das que algunhas delas como podemos apreciar, danse de forma demasiado habitual nas sesións plenarias”.
Dende o Partido Popular solicitan que “a partires de agora o Sr. Llano afine ben o que fai, porque aínda que é o que dirixe os plenos, debe de facelo conforme á lei”. “É preocupante que unha persoa que leva máis de 13 anos na primeira liña da política local aínda non sexa coñecedor do funcionamento das sesións plenarias”, e pregúntanse, “que non fará co resto de decisións ás que se enfronta a diario?”.
Máis cargas impositivas do Sr. Llano para a veciñanza de Burela
Noutra orde de cousas, “o Sr. Llano non para de castigar á veciñanza de Burela con máis cargas impositivas, tal e como puidemos percibir trala aprobación da última ordenanza municipal relativa ao peche de parcelas lindeiras con vías públicas municipais, co total beneplácito do BNG”. Pola contra, indican, ”o Sr. Llano é incapaz de poñer a circular ningún tipo de alivio económico que axude a suavizar a situación tan crítica que na actualidade están a padecer os veciños e veciñas de Burela”.