Os populares esíxenlle medidas ao Goberno de Pedro Sánchez ante “o desmantelamento dos servizos bancarios, especialmente no rural,” un proceso iniciado coa dixitalización dos servizos e a reestruturación do sector debido á crise financeira do 2008 que se acelerou coa crise sanitaria provocada pola covid-19.
Os senadores do PP apuntan que “esta situación prexudica á nosa provincia porque conta cunha poboación envellecida que, en moitos casos, non está familiarizada coa realización de trámites telemáticos e, polo tanto, tampouco co uso de servizos financeiros online”. É dicir, “xera situacións de exclusión especialmente para os máis maiores”, explican.
Os populares tamén lembran que “a perda de servizos bancarios contribúe a incrementar o desemprego e obriga ás persoas traballadoras da bancaa reivindicar o mantemento dos seus postos de traballo”, engaden.
Implicación da Xunta coa universalidade dos servizos bancarios en Galicia
Os senadores do PP de Lugo poñen como exemplo as medidas impulsadas dende o Goberno galego, a pesar de non dispoñer de tódalas competencias na materia, e en colaboración coas entidades bancarias co obxectivo de promover que toda a poboación, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos servizos financeiros e bancarios. É dicir, “que os servizos bancarios sexan universais e, en consecuencia, se evite a exclusión financeira”.
Trátase de distintas actuacións coma campañas informativas, asesoramento e formación en materia de servizos financeiros ás persoas consumidoras. Así mesmo, a Xunta propuxo recentemente unha iniciativa baseada na instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos nas dependencias municipais co fin de facilitar que toda a poboación galega teña acceso aos servizos financeiros nos seus lugares de residencia. Os senadores apuntan, neste sentido, que“a orografía da provincia e a dispersión da poboación implica que moitos lucenses deban desprazarse quilómetros para facer xestións bancarias ou algo tan sinxelo como sacar diñeiro do banco”.