Lugo, 25 de abril de 2021. Os senadores do PP lucense reclaman ao Goberno central a través da Cámara Alta un plan contra a exclusión financeira no ámbito rural ante a desaparición de sucursais bancarias nos concellos menos poboados e que, polo tanto, afecta especialmente á provincia de Lugo. Os populares explican que “a regulación do sistema financeiro é unha competencia estatal, polo que é o Goberno central o que debe encargarse de impulsar todas as medidas que sexan necesarias para evitar a exclusión financeira, particularmente nas zonas do rural lucense”.
Os populares esíxenlle medidas ao Goberno de Pedro Sánchez ante “o desmantelamento dos servizos bancarios, especialmente no rural,” un proceso iniciado coa dixitalización dos servizos e a reestruturación do sector debido á crise financeira do 2008 que se acelerou coa crise sanitaria provocada pola covid-19.
Os senadores do PP apuntan que “esta situación prexudica á nosa provincia porque conta cunha poboación envellecida que, en moitos casos, non está familiarizada coa realización de trámites telemáticos e, polo tanto, tampouco co uso de servizos financeiros online”. É dicir, “xera situacións de exclusión especialmente para os máis maiores”, explican.
Os populares tamén lembran que “a perda de servizos bancarios contribúe a incrementar o desemprego e obriga ás persoas traballadoras da bancaa reivindicar o mantemento dos seus postos de traballo”, engaden.
Implicación da Xunta coa universalidade dos servizos bancarios en Galicia
Os senadores do PP de Lugo poñen como exemplo as medidas impulsadas dende o Goberno galego, a pesar de non dispoñer de tódalas competencias na materia, e en colaboración coas entidades bancarias co obxectivo de promover que toda a poboación, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos servizos financeiros e bancarios. É dicir, “que os servizos bancarios sexan universais e, en consecuencia, se evite a exclusión financeira”.
Trátase de distintas actuacións coma campañas informativas, asesoramento e formación en materia de servizos financeiros ás persoas consumidoras. Así mesmo, a Xunta propuxo recentemente unha iniciativa baseada na instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos nas dependencias municipais co fin de facilitar que toda a poboación galega teña acceso aos servizos financeiros nos seus lugares de residencia. Os senadores apuntan, neste sentido, que“a orografía da provincia e a dispersión da poboación implica que moitos lucenses deban desprazarse quilómetros para facer xestións bancarias ou algo tan sinxelo como sacar diñeiro do banco”.