Castiñeira sinala que “as vías provinciais de Ribadeo atópanse nun lamentable estado debido ao abandono por parte do goberno provincial e, concretamente, do presidente e delegado de Vías e Obras, José Tomé”. Esta non é situación excepcional, segundo aclara o popular que sinala que “o deterioro é xeneralizado no conxunto da rede viaria da Deputación na nosa provincia como temos comprobado nas últimas semanas nas que nos achegamos a coñecer de preto a súa situación en diversos concellos tralas numerosas queixas de veciños e incluso alcaldes”.
O popular critica “a falta de sensibilidade cos veciños da nosa provincia que sofren a diario o mal estado destas estradaspor parte de Tomé e do seu goberno tal e como o demostraron votando en contra do plan plurianual de investimentos para a mellora das estradas presentado polo Grupo Provincial Popular no último pleno co obxectivo de dotar aos concellos dunhas vías acordes ao século XXI e que garantan a seguridade viaria”.
“Abandono absoluto dende o pasado mandato”
Daniel Vega explica, pola súa banda, que “as estradas da Deputación no concello de Ribadeo sofren un abandono absoluto dende o pasado mandato”. Así, sinala como unhas das máis prexudicadas a estrada LU-P-5201 que ante o seu mal acondicionamento supón problemas de asolagamento en épocas de choiva nunha vivenda da Rochela; a LU-P-5204 que pasa por Arante; a LU-P-5205 ao seu paso pola parroquia de Santalla de Vilaousende; ou a LU-P-5206 na Devesa. “En xaneiro do 2020 xa denunciamos o indignante estado destas estradas provinciais no noso municipio facéndonos eco das queixas dos veciños”, recorda o voceiro popular.
Vega explica tamén a necesidade de actuar na estrada LU-P-5207 que comunica con Vilela e que no seu treito inicial discorre polo casco urbano atravesando zonas residenciais, escolares e deportivas”. Os populares xa solicitaran en outubro do 2019 mediante unha moción no Concello “acometer no menor tempo posible os traballos de mellora, pois esta vía sae do núcleo urbano por unha ponte sobre a liña de Feve, na zona do Cobo, que é moi estreita, sen beirarrúas e con graves problemas de seguridade para os peóns. En marzo do 2020 o presidente da Deputación prometía iniciar a redacción do proxecto para acometer obras e dotar de seguridade á zona da ponte, pero a día de hoxe non sabemos nada”, segundo indica o voceiro do Grupo Municipal.
Daniel Vega reivindica, polo tanto, orzamento por parte da Deputación para Ribadeo e “debe comezar por conservar as vías da súa titularidade que son un dos eixos principais de comunicación entre as parroquias de Ribadeo”.