Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares instan ao goberno provincial a programar axudas directas aos autónomos e pemes

Lugo, 22 de abril de 2021. O PP ve con absoluta claridade que o que o goberno da Deputación denomina como Plan de Impulso da Economía da Provincia só é fume, porque non é máis que un envoltorio no que mete programas e axudas que xa existen dende anos anteriores. É un plan que só é fume, propaganda e autobombo do goberno provincial e por iso os populares presentaron un escrito de queixa á Valedora do Pobo. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala: “O Plan Impulsa Lugo é un plan que responde única e exclusivamente a un complexo do goberno da Deputación de Lugo por non ter apoiado, no ano 2020 e no que vai do 2021, con axudas directas ao tecido económico lucense; esas axudas eran as que pedía o PP e ás que o goberno provincial se negou dúas veces; negouse a poñer unha partida de catro millóns de euros para axudar directamente a todas as empresas que o están pasando mal, a axudar como está a facer a Xunta”.

Castiñeira di que o grupo popular demostrará que é un plan só de autobombo do goberno provincial. Sinala: “Nese plan din que van poñer sete millóns de euros, nos que inclúen accións que todo o mundo xa coñece, que levan anos en servizo, antes da pandemia debida á covid-19: as viaxes en catamaráns, que inventou o mesmo Francisco Cacharro, ou o Lugo Termal, que tamén leva anos en funcionamento; e que dicir das subvencións a asociacións e agrupacións, sexan de índole económica ou social, incluídas no Plan de Subvencións de cada ano”.

Para os populares, “isto é un engano absoluto e vaise demostrar no próximo pleno”. Na orde do día do pleno figura unha modificación de crédito, por 4,1 millóns de euros. O PP quere saber -di Castiñeira- “para que son concretamente; así o preguntamos na reunión celebrada hoxe pola comisión e ninguén dá resposta clara de que esa cantidade vaia directamente aos empresarios e as persoas que o necesiten; ao contrario, entendemos que isto vai ir como sempre dende que José Tomé preside a Deputación, para convenios directos a alcaldes e concellos amigos”. O portavoz popular di que “son diferentes partidas que, como o ano pasado, acabarán redundando en convenios de Presidencia, que elixe o propio señor Tomé, algo co que non está de acordo o PP, porque entende que eses cartos deberían ir directamente aos empresarios e, se se van repartir entre os concellos, teríanse que seguir criterios obxectivos”.

Castiñeira insiste en que este plan “é un engano do goberno provincial, absolutamente acomplexado nesta situación covid, que usa as pemes e autónomos que o están a pasar mal cun plan cheo de propaganda pero sen feitos o que vai acabar prexudicando á nosa provincia, que a día de hoxe depende unicamente das axudas directas da Xunta”.

Exit mobile version