Viveiro, 27 de abril de 2021. O presidente da Deputación, o socialista José Tomé, sinalou na recente presentación do plan Actívate: “É un xeito de activar a economía en tempos de restricións de mobilidade, e queremos que os lucenses teñan alternativas para descubrir a nosa provincia”. E está moi ben que sexa así, di o portavoz popular en Viveiro, Óscar Rodríguez, que a renglón seguido aclara: “O malo é que a Viveiro non lle toca nada deste plan, pola falta de interese da alcaldesa, a tamén socialista María Loureiro, que nin sendo deputada provincial, é dicir, membro do goberno da Deputación, conseguiu que o seu municipio se beneficie deste plan”. Actívate é, en definición da propia Deputación, un “programa de actividades de turismo activo, científico e mindfulness da Deputación de Lugo nos meses de maio e xuño do 2021”
Para o portavoz popular, unha vez máis queda demostrada a incapacidade de xestión do goberno presidido por Loureiro, “que non é quen nin de conseguir o que se pode conseguir practicamente sen ter que facer nada, como é o caso do plan Actívate, e máis aínda cando forma parte do goberno provincial que o pon en marcha”. Resume: “Un novo desastre do goberno local e outra demostración máis do que poden esperar os veciños de Viveiro”.
Óscar Rodríguez di que Viveiro é un centro de referencia na provincia en materia de actividades deportivas, vinculadas ou non ao mar. Así, recorda que hai un club de mergullo e outro de surf, un kárting é unha empresa de deporte de aventura, entre outras. O portavoz popular di: “E resulta que quedamos fóra dunha iniciativa da Deputación, e, polo tanto, fora de, lembrando as palabras do socialista Tomé, un xeito de activar a economía en tempos de restricións de mobilidade”.
Os populares sinalan que participar no Actívate non ten nada que ver coa posta en marcha doutras iniciativas, xa sexan de promoción municipal directamente ou acolléndose a outras que poidan promover algunha das demais administracións. Rodríguez afirma: “O único que non é xustificable e que Viveiro perda as oportunidades que poida brindar o plan Actívate. Os veciños de Viveiro teñen unha boa ocasión para comprobar como o goberno local deixa perder oportunidades para Viveiro nun momento tan difícil como é o que vivimos”.