As causas principais desta reclamación ante a Administración Xeral do Estado están baseadas en catro cuestiones:
1. A contradición e descoordinación entre os tres Ministerios que son parte da mesma personalidade xurídica (Administración Central) foi continua ao longo de todo o ano.
2. Non existiu desde a Administración ningunha Resolución nin comunicación de peche nin de limitación das capturas, dirixida ao sector pesqueiro.
3. As capturas son completamente legais ao estar a cumprir as directrices pesqueiras xestionadas pola ORP (organización rexional de pesca) ICCAT, que é a responsable na xestión e conservación desta especie no Atlántico para todos os Estados membros (ou partes contratantes).
4. Non ten sentido, aínda que se pretenda usar como argumento a sustentabilidade da especie, o veto ou a prohibición de comercializar o marraxo capturado de forma legal, xa que o único que consegue é un prexuízo ás empresas, cando o marraxo xa está procesado.
A reclamación económica baséase no valor estimado da venda non producida (úsase o prezo medio anual) máis o custo do frío de almacenamento en cámaras. Ademais, queda pendente de valorar o que se considera o lucro cesante e os gastos financeiros provocados.
O importe da reclamación presentada pola OPP Lugo en nome de cinco das súas empresas asociadas está ao redor de 205.000 €. Entre as cantidades retidas atópanse 21.589 kgs capturados con observador científico a bordo, cuestión importante a ter en conta xa que de acordo coa Recomendación 17-08 de ICCAT e os permisos de pesca do MAPA para 2020, “poderán reterse os exemplares desta especie que cheguen mortos ao costado do buque sempre que leve observador a bordo”.
Esta situación económica e de prexuízo para as empresas aínda pode empeorar, e aínda que segundo pasan os meses o produto deixa de ter valor comercial, o que máis preocupa ás empresas é que ademais teñan que facerse cargo da destrución das cantidades almacenadas, o que agravará considerablemente estes custos.
En definitiva, todas estas circunstancias obrigan á frota asociada a solicitar novamente o desbloqueo da comercialización deste marraxo xa capturado, desembarcado e almacenado, concedendo a autorización correspondente.