Site icon Crónica3.com A Mariña

O SLG pide pleno urxente do Consello Galego de Benestar para esixir información sobre o destino dos fondos europeos para fins sociais

Compostela, 6 de abril, 2021. As vogais do Sindicato Labrego no Consello Galego de Benestar, Margarida Prieto e Ana Eiras, veñen de solicitar hoxe, 6 de abril, a convocatoria urxente dun pleno extraordinario para que se informe en que fase se atopa o novo modelo de residencias no que a Consellaría de Política Social estaba a traballar; ou sobre os trinta proxectos que a conselleira, Fabiola García, anunciou que se van financiar cos fondos europeos de recuperación, e se estes van ser de iniciativa privada ou pública.

Esta petición fíxose a raíz de saber que un dos eixes nos que se centra o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia deseñado pola Presidencia do Goberno de España, en outubro de 2020, é o dos servizos sociais e os cuidados. Neste senso, cómpre lembrar que no último pleno do Consello Galego de Benestar, celebrado o 10 de decembro de 2020, anunciouse por parte de responsables da Consellaría de Política Social que se estaba empezando a traballar nun novo modelo de residencias. Tamén se comentou, en varias ocasións, que se pretendía que este novo modelo fose o máis consensuado e participativo posible. A maiores, existe o compromiso, dende hai varios anos, de poñer a andar un grupo de traballo para analizar o funcionamento da Lei de Dependencia.

Con estes antecedentes, dende o SLG non entendemos como agora que se vai dispoñer de fondos e financiamento para poñer en práctica a Lei de Dependencia ou ese novo modelo de residencias, non se estean a planificar eses investimentos dende o diálogo e o consenso nun foro creado para esta finalidade como é o Consello Galego de Benestar. De feito, coñecemos antes, a través de varios medios de comunicación, que xa se presentaron unha trintena de proxectos candidatos aos fondos europeos, dos que Fabiola García destacou dous: a transformación dos centros de servizos sociais para menores, maiores e persoas con discapacidade; e o impulso do rural como escenario para o envellecemento activo e a inclusión social a través de proxectos de cohousing e de integración de 400 familias en risco de exclusión.

Porén, non houbo convocatoria do Consello Galego de Benestar para informar tan sequera destes proxectos, nin para abrir vías de diálogo e consenso entre os diversos axentes sociais da Galiza de cara a investir estes fondos dunha maneira o máis participativa e transparente posible.

Agora, tras a presentación do escrito do Sindicato Labrego, agardamos que o Consello Galego de Benestar se reúna con carácter de urxencia para informar sen máis ocultamentos onde e en que se van a gastar os fondos de recuperación destinados a servizos e fins sociais na Galiza.

Exit mobile version