Lugo, 15 de abril de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca e a voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, recibiron este martes no Pazo de San Marcos á nova directiva da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (APEHL). Asistiu o presidente do colectivo, Cheché Real, acompañado do vicepresidente, José Manuel Cela Rodríguez, e dous vogais, Daniel Romay Piñeiro e Juan Antonio Agra Lago.
O mandatario provincial felicitou á directiva polo seu recente nomeamento e fíxolles entrega dun agasallo institucional composto por caixas de produtos de degustación na provincia. Tomé Roca manifestoulle á APEHL o seu desexo de que a situación da pandemia da Covid-19 mellore para que poidan recuperar a súa actividade. Así mesmo, Tomé Roca compartiu a súa disposición a traballar en sintonía polo desenvolvemento da provincia, sumando esforzos e promovendo a colaboración para o impulso da hostalería e do turismo, pensando en seguir apostando pola desestacionalización do sector e reforzado a aposta por un turismo de calidade, de natureza e sen masificacións .
O Presidente sinalou que estas “son liñas de traballo fundamentais para a Deputación”, como demostrou coa posta en marcha do Plan de Impulso da Economía da Provincia, “especialmente neste momento no que é preciso que cooperemos dende as nosas responsabilidades para conseguir reactivar canto antes a economía”. José Tomé sinalou que “queremos apoiar aos sectores produtivos máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo a hostalería, o turismo e o comercio local, con accións que combinan, por unha parte, a inxección directa de recursos, e, por outro, a creación de valor engadido e a xeración dun efecto multiplicador na economía para favorecer unha recuperación sostible, estable e eficaz do tecido produtivo”.
O Plan de Impulso da Economía da Provincia de Lugo contempla unha inxección económica de máis de medio millón de euros nos negocios hostaleiros e comerciais co reparto de bonos consumo, que terán un beneficio directo e inmediato, ademais de dous programas que fomentarán o turismo de proximidade: Coñece a túa provincia, que promoverá viaxes dunha xornada, en pequenos grupos e por distintos puntos da xeografía lucense; e Saborea a túa provincia, que fomentará o consumo dos produtos lucenses a través de xornadas gastronómicas e lúdicas por toda a provincia.