Lugo, 21 de abril de 2021. O PP cualificou no seu momento o chamado Plan de Impulso da Economía da Provincia como plan fantasma. Convencidos de que é así, segundo sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, “no día de hoxe o grupo provincial do PP presentou na Valedora do Pobo, en Santiago, un escrito de queixa, de reclamación, polo que entendemos que é un absoluto engano: o inexistente Plan Impulsa Lugo, que é un plan fantasma, inventado polo equipo de goberno da Deputación de Lugo, para simular que desenvolve accións para a reactivación económica da provincia, cando realmente o único que hai son declaracións de intencións e accións políticas que xa existían antes da crise”.
Que o plan non existe realmente, sinala Castiñeira, “non o di o PP, senón que o recoñece o propio equipo de goberno, en resposta á petición do grupo do Partido Popular de acceso ao expediente dese plan; expediente que nos din que non existe, porque simplemente son accións que se resumen nese folleto de propaganda que é o que estamos vendo e escoitando nos medios de comunicación”.
Para os populares, o que pretende facer o goberno provincial lucense “é algo totalmente inaceptable nos momentos en que vivimos, de crise económica, e especialmente para todos aqueles que necesitan apoio porque están en situación difícil, como son as pemes e os autónomos, o comercio e a hostalería, que precisan axudas directas, como as da Xunta de Galicia ou como pedía o PP que fixera, e non fixo, a Deputación de Lugo”. Castiñeira sinala: “O que non pode tolerarse é que se engane con falsas promesas, con cantidades importantes, como é a de 7 millóns de euros, que se xustifican con accións precovid, con accións que xa existían antes da crise e que non teñen nada que ver coa situación actual”.
O portavoz popular di: “Esperemos que se aclare este asunto e queremos demostrar este fraude, non só polo mal uso dos recursos públicos en propaganda e autobombo político do equipo de goberno, senón polo engano a todas aquelas persoas que necesitan axuda nesta época de crise. O que queren pemes e autónomos é que os cartos públicos cheguen canto antes ao sistema económico e que eles se poidan beneficiar nestes momentos tan difíciles o antes posible; o que non queren son enganos e propaganda”.