“Xa o advertiramos hai unhas semanas. Esta a dinámica do Bloque da Fonsagrada que, na primeira volta, vota en contra do PSOE e, na segunda, recúa e dá o visto e prace, pero o lóxico é que se auditase antes esta sociedade e se rendesen contas aos membros da comisión liquidadora que somos, lembra, todos os integrantes do Pleno municipal”.
Os populares votaron novamente en contra. Esta é a segunda vez que se convoca este proceso. A diferenza é que, no primeiro, BNG e PP rexeitaron a liquidación, quedándose só o PSOE cos votos a favor e, desta volta, os nacionalistas decidiron “cambiar a chaqueta para beneficiar aos socialistas”.
Os informes do Concello son claros
Regueiro explica que non podían votar a favor porque, segundo se pode extraer dos informes do servizo de Secretaría do Concello, dita sociedade carece de actividade, non ten presentadas as contas anuais nos últimos cinco exercicios e carece de persoal para desempeñar as súas funcións.
Tal e como se detalla neste documento, trátase dunha sociedade mercantil de capital integramente municipal que ten por obxecto a xestión, promoción e desenvolvemento do proxecto municipal aprobado en outubro de 1998, denominado Fonsagrada 2000. Creación e participación en proxectos industriais e empresariais para a promoción do concello e da comarca, en concreto, industrias ou empresas agrícolas derivados, gandeiras e derivados, madeira e derivados, ensino e formación privada, mesmo profesorado: construción e derivados, transportes e comercio menor e maior de 105 produtos derivados de todas as actividades mencionadas.
“Escurantismo e falta de transparencia”
O PP, ante “a opacidade, imprecisión, escurantismo e falta de información”, coa que se levou este asunto, volveu a oporse á disolución. “Estamos a falar dunha sociedade que se creou e se sostivo a longo destes anos con fondos públicos sacados directamente do Concello e, por tanto, de todos os fonsagradinos. Leva moitos anos en activo e algo raro debía de haber para que agora se propuxese novamente a súa liquidez sen optar antes por outras vías”.