O Grupo Municipal Popular vén de esixirlle por escrito ao goberno municipal, “xa que nada se nos informou ata o de agora, que os elabore de inmediato e que convoque o pleno para o debate dos mesmos para antes dun mes”.
Dende o PP lembran que “sen os presupostos municipais aprobados, non poden repartirse axudas de ningún tipo, nin para o comercio, nin para a hostalaría, nin para as familias ou asociacións, xa que son o documento básico sobre o que pivotan tódalas accións municipais. Hai que ter en conta que, se non se elaboran xa, sendo conscientes do procedemento administrativo para a súa aprobación definitiva, o orzamento municipal para o presente ano non poderá ser aplicado ata, cando menos, mediados do verán, algo que, novamente poñerá en xaque a vida municipal de Burela”.
“Non foron poucas veces nas que, dende o PP de Burela, advertimos que a falta de traballo e a actitude do Sr. Llano e do seu equipo de goberno, estaban a sumir nun pozo sen fondo á veciñanza de Burela e, do mesmo xeito, non foron poucas as veces nas que o Sr. Llano escusou a súa total inoperancia e a do seu equipo culpando a outros. Dende o PP estamos expectantes por ver a quen culpa nesta ocasión o Sr. Llano pola non elaboración dos presupostos municipais a estas alturas do ano, empuxando un pouco máis cara ao abismo á veciñanza de Burela”, conclúen.