Para os populares, “é lamentable como ten o rural a Deputación de Lugo”. Din que “se pode apreciar este abandono nas estradas provinciais, no de moitos equipamentos, como é o taller de Manuel Mallo; tamén nesta escola experimental de O Valadouro e no de moitos edificios importantes, como son a Casona do Incio ou a Casa da Botica de Guitiriz”.
Javier Castiñeira manifesta: “Á Deputación só lle interesa o rural nas eleccións, cando vende os proxectos, pero despois ao longo do mandato abandónaos, como é este caso, no que se investiron máis de 275.000 euros”. Engade: “É un proxecto moi interesante pero que non ten continuidade. No rural hai que ter paciencia, porque os proxectos xerminan con tempo e dedicación, que é algo que non está a facer a Deputación”.
O PP preguntará no próximo pleno “cal é o proxecto que ten a Deputación para estas instalacións de O Valadouro, se é seguir téndoas abandonadas ou retomar a actividade”. Castiñeira conclúe: “Isto non pode seguir así. A imaxe é moi mala e, a frustración da poboación, moi grande, porque se lle prometen cousas que despois non se levan a cabo e ve como se abandonan por parte do goberno provincial e do goberno local”.