Lugo, 26 de abril de 2021. Os socialistas non teñen reparo en vender todo tipo de proxectos en campaña electoral, pero, despois, á hora de executalos, desenténdense deles, coa conseguinte perda de recursos e a frustración dos cidadáns. Isto é o que ocorre coa escola experimental hortifrutícola impulsada pola Deputación e o Concello do Valadouro, unha prometedora iniciativa que hoxe está esquecida polos gobernos provincial e local. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Abandonada. Así teñen os gobernos socialistas de O Valadouro e da Deputación de Lugo a escola hortifrutícola deste concello. É realmente penoso. Despois de cinco ou seis anos da súa inauguración, é lamentable ver o abandono no que se atopa. Dende logo que non está a dar os froitos que se esperaban desta horta experimental. É unha pena, porque o proxecto era moi interesantes, especialmente para dinamizar o sector primario, nunha zona produtora como é O Valadouro”.
Para os populares, “é lamentable como ten o rural a Deputación de Lugo”. Din que “se pode apreciar este abandono nas estradas provinciais, no de moitos equipamentos, como é o taller de Manuel Mallo; tamén nesta escola experimental de O Valadouro e no de moitos edificios importantes, como son a Casona do Incio ou a Casa da Botica de Guitiriz”.
Javier Castiñeira manifesta: “Á Deputación só lle interesa o rural nas eleccións, cando vende os proxectos, pero despois ao longo do mandato abandónaos, como é este caso, no que se investiron máis de 275.000 euros”. Engade: “É un proxecto moi interesante pero que non ten continuidade. No rural hai que ter paciencia, porque os proxectos xerminan con tempo e dedicación, que é algo que non está a facer a Deputación”.
O PP preguntará no próximo pleno “cal é o proxecto que ten a Deputación para estas instalacións de O Valadouro, se é seguir téndoas abandonadas ou retomar a actividade”. Castiñeira conclúe: “Isto non pode seguir así. A imaxe é moi mala e, a frustración da poboación, moi grande, porque se lle prometen cousas que despois non se levan a cabo e ve como se abandonan por parte do goberno provincial e do goberno local”.