Segundo se recolle no anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, durante o devandito período poderá examinarse o documento, en horario de oficina e sempre con cita previa, nas dependencias do Servizo Provincial de Urbanismo da Xefatura Territorial de Lugo ou no propio Concello. Así mesmo, tamén poderá consultarse na páxina web da Consellería, así como remitir posibles achegas e alegacións a través de calquera dos rexistros legalmente habilitados ou por vía telemática ao enderezo sxurb@xunta.gal.
Cómpre lembrar que segundo a Lei do solo de Galicia, os PBM son instrumentos de ordenación urbanística que se redactarán en desenvolvemento do Plan básico autonómico para concellos de menos de 5.000 habitantes e que non conten cun instrumento xeral de planificación propio (37 en toda Galicia).
Co fin de obter unha guía de orientación que axudara e motivara a estes municipios a dotarse do seu propio plan básico, a Xunta asumiu a redacción do primeiro, o do Concello do Páramo, ademais de colaborar técnica e economicamente con outros oito municipios que xa teñen moi avanzada a tramitación dos seus respectivos documentos (Ribeira de Piquín, Riotorto, Cartelle, Padrenda, Porqueira, Triacastela, San Xoán de Río e Trabada).
Deste primeiro grupo de entidades locais, seis xa recibiron a aprobación inicial por parte da Consellería nos últimos meses, tres da provincia de Lugo e tres de Ourense: O Páramo, Triacastela, San Xoán de Río, Cartelle, Trabada e Padrenda, este último aprobado o pasado 30 de marzo.
Contido do PBM de Trabada
No caso do documento que se somete agora a información pública clasifícase como solo urbano o núcleo de Trabada, que ostenta a capitalidade do concello ademais de ser o núcleo principal e máis poboado, onde se sitúa a Casa Consistorial así como outros edificios administrativos e de servizos.
Tamén delimita 53 núcleos rurais dun total de 133 asentamentos identificados polo plan, de forma que 73 deles quedan en solo rústico ao non preverse o seu crecemento, primando a rehabilitación dos inmobles xa existentes. Ademais, recolle as dotacións no termo municipal, identificando e catalogando elementos do patrimonio cultural e natural de Trabada.
Por outra banda, cómpre lembrar tamén que nun segundo grupo integrado por nove concellos (Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón) estanse a realizar xa os traballos técnicos para a obtención da súa cartografía, paso previo á redacción dos seus respectivos PBM, polo que se agarda que en 2021 reciban tamén un pulo definitivo.