Viveiro, 28 de abril de 2021. Ante a desinformación e as descalificacións ás que nos ten acostumado o voceiro do Grupo Municipal do PP, dende o goberno municipal quérese explicar aos veciños e veciñas en que consiste o Plan de Promoción Turística levada a cabo pola Deputación de Lugo, no que se inclúe o Plan Actívate.
A Deputación de Lugo ten un plan de promoción turística para toda a provincia, mediante ao cal vai realizar, ao longo do ano, diferentes promocións nos distintos concellos. Este plan comezou agora co programa Actívate, que consta de 18 actividades que se levarán a cabo por diferentes puntos da provincia entre maio e xuño.
Viveiro está, por suposto, incluído nese Plan de Promoción Turístico da Deputación de Lugo, polo que non perdeu nada; estamos aí, a Deputación de Lugo vai continuar desenvolvendo este plan de promoción turística, no que Viveiro terá a promoción que se merece, incluíndo iniciativas atractivas, importantes e beneficiosas para o noso concello, que se derán a coñecer cando corresponda.
Queremos deixar claro, asemade, que do que non se pode acusar a este equipo de goberno é de non colaborar co comercio e coa hostalería.
Fumos dos primeiros concellos da provincia de Lugo en acordar a creación dun Plan de Reactivación Económica. Neste momento estamos xa co II Plan de Reactivación Económica e somos un dos poucos concellos da Mariña e da provincia de Lugo que destina unha cantidade determinada do seu presuposto a axudas directas, concedendo 1000 euros aos hostaleiros, dentro do Plan de Rescate da Xunta, e 850 euros a comerciantes e autónomos, polo que consideramos que non se nos pode acusar de non colaborar e non solidarizarnos co sector e coa promoción turística.
A pesar de que non temos por costume responder ás continúas descalificacións e faltas de respecto por parte do voceiro do PP (que non todos os concelleiros do PP), vémonos na obriga de realizar estas aclaracións e solicitar que dunha vez deixemos a crispación a un lado, por que o que os veciños de Viveiro queren é que nos unamos e traballemos xuntos, polo que aproveitamos a ocasión para animalo a que veña ao concello, que aporte e que traballe, deixando a un lado os insultos e as faltas de respecto.
Finalmente, unha vez máis, rogamos que, antes de sacar unha nota de prensa desinformando aos veciños e veciñas, pregunte e despois, se quere, que xulgue, pero primeiro que pregunte, que é algo que non fai.