Site icon Crónica3.com A Mariña

“O Goberno e Alcoa teñen que actuar xa para salvar a planta de San Cibrao”, afirma o PP trala reunión cos traballadores

Cervo, 26 de abril, 2021. Miguel Tellado asegurou esta mañá fronte aos traballadores que Alcoa é unha empresa “irrenunciable”, non só para a Mariña lucense e para Galicia, senón para toda España, destacando que “non podemos permitirnos o luxo de perder a única fábrica de aluminio primario que existe no noso país”.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, xunto coa presidenta provincial do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, reuníronse esta mañá na Mariña lucense cos membros do comité de empresa de Alcoa da planta de San Cibrao. Estaban acompañados polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e polo alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, así como polos deputados autonómicos José Manuel Balseiro e Daniel Vega.

O popular reclamou que a Sociedade Estatal de Participaciones Industriales (SEPI), dependente do Ministerio de Facenda, actúe como mediadora para facilitar a venta da planta por parte de Alcoa antes de que se esgoten os prazos.

“É o momento de que a empresa e a SEPI movan ficha” reclamou o voceiro popular, demandando “un compromiso real para que se peche un acordo definitivo e a venta da planta poida producirse nas próximas semanas”

O secretario Xeral do PPdeG celebrou a responsabilidade demostrada durante todo este tempo polo comité de empresa de Alcoa que, nas súas palabra, “non só defenderon os seus propios postos de traballo, senón o futuro dun sector estratéxico para toda España”

Tellado tamén demandou que o “exercicio de responsabilidade” demostrado polo comité de empresa ao suspender as mobilizacións, sexa correspondido cun “compromiso serio e firme de diálogo entre as distintas partes implicadas”.

O popular lamentou que nin a SEPI, nin a Alcoa, aproveitaron estas semanas para pechar un acordo. Tellado insistiu en que cada un debe velar polas súas responsabilidade e asegurou que “se a empresa quere verdadeiramente vender e o goberno quere intermediar, só teñen que poñerse de acordo”. “Esta é a semana para facelo” rematou o número 2 dos populares galegos.

Exit mobile version