Site icon Crónica3.com A Mariña

O espazo +60 de Afundación Viveiro volve á actividade con novas propostas, tamén ao aire libre

Viveiro, 4 de abril, 2021. O Espazo+60 de Afundación en Lugo (Carril do Mercado, 1), Monforte (Cardeal Rodrigo de Castro, 18) e Viveiro (Av. Mariña, 49) comezarán a súa actividade mañá, con propostas presenciais no propio centro, que se complementarán con roteiros pola cidade. O obxectivo é proporcionar ferramentas para minimizar os efectos que as limitacións na mobilidade e contacto social provocan na saúde física, psicolóxica e emocional das persoas maiores, como sucede con todos os sectores da poboación en xeral.

Todas as actividades adaptáronse á situación actual, baixo un estrito protocolo sanitario cun reducido número de participantes por actividade e aula; reorganización dos horarios e as zonas de entrada e saída; ventilación frecuente; suprímese temporalmente a realización de actividades que supoñan compartir materiais, e será obrigatorio manter en todo momento a distancia de seguridade recomendada. Así, a programación presencial ofrece en Lugo, Monforte e Viveiro, segundo o centro, obradoiros de memoria, ioga, pilates, ximnasia de mantemento ou roteiros históricos e culturais pola cidade.

A proposta inclúe tamén un completo programa de actividades formativas virtuais, na plataforma «+60 Classroom», que xa antes da pandemia era utilizada como soporte e extensión de actividades presenciais nos Espazos +60 e que actualmente intensificou a súa oferta. Así hai cursos de arte, de idiomas por niveis, fotografía, xadrez, historia ou recursos para superar as barreiras dixitais, entre outros. Como novidade incorpóranse as propostas «Viaxes desde a cadeira de brazos», na que persoas voluntarias dos Espazos+60 compartirán con outras socias e socios as súas experiencias visitando outros países, e «Grandes personaxes e novelas de todos os tempos». As clases desenvólvense por videoconferencia cos docentes e o resto de participantes, previa inscrición. Así mesmo, as persoas que o precisen contarán con acompañamento dixital individualizado, xa sexa telefónico ou presencial no propio Espazo +60 para conectarse ás sesións.

Neste contexto cambiante pola pandemia pero tendo en conta tamén o avance da dixitalización en xeral e a adquisición progresiva por parte das persoas maiores de máis competencias neste ámbito, a entidade continuará enriquecendo este programa en convivencia coa súa oferta presencial.

Exit mobile version