Ribadeo, 15 de abril de 2021. O Concello ven de dirixir escritos ao Instituto Geográfico Nacional, á Consellería de Cultura, á Real Academia Galega e á Subdelegación do Goberno en Lugo para coñecer as pretensións do Principado de Asturias co topónimo oficial da Ría de Ribadeo. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que “a ría de Ribadeo é un ben común de asturianos e galegos, que debe unirnos en lugar de afastarnos”. Para o rexedor ribadense “quen está a promover de novo este enfrontamento interesado debera promover máis a resolución dos problemas que hoxe ten a ría”.
Suárez Barcia dixo que “sen ter coñecemento directo neste asunto, e tomando con cautela todo o expresado por parte da prensa, remitimos solicitudes ao Instituto Geográfico Nacional co fin de coñecer as pretensións exactas do Principado de Asturias nesta cuestión así como o fundamento no que as basea. Tamén diriximos escritos á Consellería de Cultura, á Real Academia Galega e á subdelegada do Goberno en Lugo”.
O alcalde de Ribadeo sinalou que “non entendemos a necesidade de reabrir este debate nestes momentos, máis cando o Instituto Geográfico Nacional xa o deixou moi claro no seu informe do ano 2008. É dicir, a ría de Ribadeo é un ben común, tanto de asturianos como de galegos, non é máis dunha beira que da outra, e debe unirnos en lugar de afastarnos, pero vémonos na obriga de defender novamente a oficialidade do topónimo da Ría de Ribadeo como único válido por todas as razóns que a historia desde séculos atrás avalan e que todas as rías en Galicia, en Asturias e no Cantábrico levan o nome da poboación histórica máis importante”.
Fernando Suárez manifestou que “non é ría do Verdugo senón ría de Vigo, non é ría do Landro senón ría de Viveiro, non é ría del Navia senón ría de Navia e non é ría del Sella senón ría de Ribadesella. Polo tanto, non é ría del Eo senón ría de Ribadeo”.
O rexedor considera que “quen está a promover de novo este enfrontamento interesado debera promover máis a resolución dos problemas que hoxe ten a ría, como os altos niveis de coliformes provocados pola falta de saneamento integral especialmente pola banda asturiana”.