Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo implacable contra a loita dos lumes

Ribadeo, 22 de abril de 2021. O Concello de Ribadeo segue na loita contra os lumes forestais e ven de publicar un Bando lembrándolles aos propietarios dos terreos a necesidade de telos rozados antes do remate do mes de maio. Refírese a aqueles que abranguen unha faixa de 50 metros ao redor de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable e de vivendas illadas. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, subliñou que o Concello iniciou no 2018 unha campaña “valente e inédita” a nivel galego para a protección dos núcleos de poboación e das vivendas illadas contra os lumes forestais, “de aí que ordenásemos que non podía haber especies arbóreas de alta combustibilidade a menos de 50 metros”.

O rexedor indicou que “desde o Concello de Ribadeo levamos varios anos traballando activamente na protección dos núcleos de poboación e das vivendas illadas contra os lumes forestais. De aí que, no ano 2018, iniciásemos unha campaña valente e inédita, tamén a nivel galego, para indicar a necesidade de cumprir nin máis nin menos que o que di a lei galega. De aí que ordenásemos que non podía haber especies arbóreas de alta combustibilidade a menos de 50 metros”.

Suárez Barcia lembrou que “daquela foron trasladadas centos de comunicacións e centos de requirimentos. Moitísimos propietarios fixeron caso do que marca a lei e limparon, talaron e desbrozaron os seus predios para evitar desgrazas no caso de haber incendios forestais”.

O alcalde dixo que “tamén, desde o Concello, levamos anos compensando dalgún xeito a todos estes propietarios coa entrega que facemos cada ano de especies frondosas autóctonas coma castiñeiros, carballos, acivros, etc…, para que se repoboen estes espazos a fin de evitar que a broza medre cada ano e que haxa que proceder á súa limpeza”.

Fernando Suárez subliñou que “este Bando que acabamos de publicar ben dicir isto mesmo que di a lei. É un recordatorio de que, de acordo coa lei galega nos seus artigos 21 e 22, non poderán existir nin rexotar especies como pinos, eucaliptos, acacias ou mimosas, ademais de ter que seren rozados todos os anos, antes do remate do mes de maio de cada ano”.

E engadiu: “queremos recordalo advertindo, unha vez máis, sobre a necesidade de ter adaptadas estas faixas de protección arredor das vivendas, dos núcleos e das casas á normativa en vigor. Para calquera dúbida ou aclaración pódese contactar, sen ningún problema como sempre, coa Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo”.

Exit mobile version