Foz, 15 de abril de 2021. O Concello de Foz procedeu á contratación dunha consultora de enxeñaría civil especializada en enxeñería marítima, portuaria e costeira – Aquática Enxeñería – para o estudo e alegacións do Proxecto de Estabilización da Praia do Altar e do seu Estudo de Impacto Ambiental.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, declara que “ao Concello de Foz preocúpalle o impacto e as consecuencias que un proxecto desta envergadura poida levar aparelladas nos cambios das correntes e na nosa ría. Estamos a falar con todos os actores implicados: Costas do Estado, Concello de Barreiros, Club Náutico, Asociación A Ribeira, colectivos de surfistas e outros deportes,… Tamén vimos de solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno para tratar este asunto”.
Cajoto engade: “estamos preocupados polo impacto que o proxecto poda ter e as súas consecuencias nunha ría que sufriu moitas alteracións ao longo do tempo. Unha solución dura, como o espigón que se contempla, non nos parece axeitada para un entorno de tanto valor paisaxístico e medioambiental como a praia do Altar e a ría de Foz. Por iso pedimos asesoramento a unha consultora especializada, que ten os coñecementos, medios e capacidades para estudar o proxecto e analizalo en profundidade. Esta é a nosa forma, responsable, de traballar”.
O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente e Mar, Francisco Fanego, explica: “debido á falta de coñecementos para poder posicionarme ante un proxecto desta magnitude, valoro moi positivamente todas as xuntanzas que se están a levar a cabo con Costas, coas asociacións, a que se vai levar a cabo coa Subdelegada do Goberno e tamén a comunicación fluída que se está a manter co goberno municipal de Barreiros. Por todo o que imos aprendendo entendo que non é o momento de darlle para diante a este proxecto. Aínda entendendo os graves problemas que padece a ría e a inminente necesidade de facer determinadas intervencións, defendo que se deben buscar alternativas que conleven o mínimo impacto ambiental e buscando unha opción segura que non prexudique máis á ría e ao seu ecosistema, despois de todo o que xa se lle leva feito”.