Ribadeo, 10 de abril de 2021. O Club de Remo de Ribadeo adquiriu tres novas embarcacións grazas á colaboración da Área de Deportes da Deputación de Lugo. A deputada provincial Mónica Freire e o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, visitaron as instalacións da entidade na Casa das Algas e comprobaron a utilidade do novo material.
Trátase de tres skiffs, un destinado á alta competición e outros dous pensados para as categorías de base, que amplían os medios dispoñibles para os 30 remeiros e remeiras do club ribadense. As novas embarcacións permitirán que o Club de Remo planifique con maior autonomía os adestramentos e as participacións en competicións deportivas.
A deputada provincial Mónica Freire e o concelleiro de Deportes de Ribadeo, Jorge Díaz, puideron comprobar a utilidade deste novo material nunha visita ás instalacións da entidade na Casa das Algas, na Vilavella.
Mónica Freire subliñou que “con esta colaboración quixemos apoiar o traballo que ven desenvolvendo o club nos últimos anos, con excelentes resultados en campionatos galegos e estatais nas categorías de base e deportistas que se están revelando como valores de futuro do remo galego como Iker García ou Nerea Lago”.
E engadiu: “somos conscientes de que, ademais dos adestramentos e do esforzo persoal, para competir a ese nivel é necesario contar co material axeitado que, no caso desta modalidade, é un material caro, que esixe un desembolso dificilmente asumible para clubs pequenos. Agardamos que estas novas embarcacións lles axuden a continuar nesa liña de éxitos competitivos e, sobre todo, a manter a afección polo remo e o interese polo deporte entre a mocidade”. O importe total da axuda foi de 11.517,99 euros.
Jorge Díaz agradeceu “o apoio que lle brindou a Área de Deportes da Deputación ao Club de Remo de Ribadeo. Nós, desde o Concello, apoiamos o deporte base e traballamos para que as nenas e os nenos do noso concello teñan facilidades para a practica deportiva”.