Viveiro, 22 de abril, 2021. A Mariña e Ortegal seguen sendo as comarcas esquecidas por parte das administracións públicas, e demóstrase unha vez máis ca demora na oficialización do Camiño do Mar.
Recibimos de bo agrado a noticia de que o Parlamento de Galicia ven de aprobar a iniciativa proposta polos socialistas mariñanos de oficializar o Camiño do Mar, e que actualiza a proposta xa realizada no 2010, pero agardamos que a desidia non volva a facer acto de presencia como durante estes 11 anos e agora sí se oficialice o antes posible o Camiño do Mar.
Agora máis que nunca necesítanse tódalas armas posibles para relanzar economicamente esta zona castigada dende fai anos pola perda de tecido industrial.
Ter o Camiño do Mar oficializado daríanos a opción de poder entrar en tódalas actividades de promoción do Xacobeo, e en tódalas axudas que se están convocando para os Concellos polos que pasa algunha das rutas do Camiño de Santiago. Daríanos a posibilidade de atraer visitantes para o Xacobeo máis inmediato 2021 e 2022.. en definitiva, daríanos un gran impulso comercial e turístico que se pode traducir no mantemento de moitos postos de traballo.
Por iso agora mesmo urxe, non é tempo de seguir esperando. Necesitamos que se oficialice o antes posible e que dende o propio Xacobeo se promocione de igual xeito que os outros Camiños de Santiago.
Queremos facer mención e agradecemento pleno á Asociación Amigos del Camino del Mar de peregrinación a Santiago, que é a que leva facendo un arduo traballo dende o minuto cero para que esta iniciativa saia adiante.