A Mariña,sábado 17 abril. En pleno 2021, e despois de ser suprimida a Área Sanitaria da Mariña, a poboación mariñá sufre día a día a perda de servizos na sanidade pública. Agora é o caso da consulta de ciruxía vascular, da que se carece no Hospital da Mariña, o que provoca que @s doentes teñan que desprazarse cen quilómetros ou acudir á sanidade privada para a consulta e tratamento das enfermedades desa índole, sexan estas moi graves e complexas ou absolutamente sinxelas coma o caso das varices. Este tipo de doenzas son moi comúns e a cantidade de persoas demandantes destas intervencións é moi elevada.
O deputado mariñao Daniel Castro afirmou que “sabendo que non existe esta especialidade na carteira de servizos, desde o Bloque Nacionalista Galego consideramos que o Hospital da Mariña debe contar con esta dotación, polas razóns expostas anteriormente e polo feito de que é posible realizar actuación básicas do tipo das varices, das fístulas arterioveosas para diálese ou as ecografías doppler. A isto habería que sumar o feito de que a maioría destas intervencións non precisarían de ingreso, xa que se farían de xeito ambulatorio e que alén disto, xa se ten experiencia e boa na práctica destas intervencións no Hospital de Burela” e anunciou a presentación no Parlamento dunha proposición non de lei para instar á Xunta a dotar de consulta na especialidade de cirurxía vascular ao Hospital da Mariña.
A eliminación por parte do PP da Área Sanitaria da Mariña acelera o desmantelamento dos servizos
Desde o BNG mariñao inciden no proceso de desmantelamento dos servizos sanitarios na comarca, acentuados desde a eliminación da Área Sanitaria da Mariña, e acentuados tamén pola pandemia Covid19 que deixou ao descuberto as consecuencias de 11 anos de política de acoso e derribo da sanidade pública levada a cabo polo PP. Un ano despois do inicio da pandemia séguese a dificultar tamén o acceso aos centros de saúde con demoras de unha semana para conseguir unha cita, mesmo telefónica, e aumentan tamén os retrasos para acceder ás prestacións hospitalarias: consultas, probas diagnósticas ou intervencións cirúrxicas.
Apoio ás mobilizacións de SOS Sanidade Pública e da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña
Por todos estes motivos, desde o BNG amosan o seu apoio ás concentracións convocadas por diversas plataformas cidadáns para o mércores 21 de abril en todo o país e que na Mariña terá lugar en Burela ás 20:00, convocada pola plataforma mariñá na Praza do Concello baixo os lemas “Recuperar a Sanidade Pública da Mariña” / “Recuperación da Área Sanitaria roubada”, concentración que se realizará acolléndose escrupulosamente ás normas e protocolo Covid para este tipo de actos.