O nacionalista Luís Bará afirma que, o BNG non renuncia ao obxectivo de superar o actual marco político e para iso “precisamos contar coas competencias pendentes”.
Bará explica que Feixóo no ano 2009 na súa chegada ao goberno da Xunta afirmou que comezaba a “maior etapa do autogoberno da historia de Galiza” pero a realidade é un balance de doce anos con competencias “cero, cero patatero”, recalcou.
Para o nacionalista, a falta de competencias fixo perder posicións a Galiza fronte outras comunidades que avanzaron asumindo novas transferencias. Por esta razón, o BNG impulsará, no vindeiro pleno do día 27 de abril na Cámara galega, unha proposición de lei para instar á Xunta a demandar do goberno central as competencias en materia de Tráfico e Seguridade Viaria, “unha demanda xa aprobada no Parlamento galego no ano 2008 e vetada no Congreso cos votos en contra do Partido Socialista e a abstención do Partido popular”.
O deputado reitera que as competencias deben ser traspasadas para xestionar e desenvolver dende Galiza, entre outras, a Lei de Policía aprobada no ano 2017 para contar cunha policía propia como en Cataluña, Euskadi ou Navarra.
O nacionalista asegura que a falta de competencias galegas coloca a Galiza nunha posición desigual a respecto doutras comunidades e condúcea “á irrelevancia política”. Neste sentido, indicou que Euskadi conseguiu o traspaso da Autoestrada AP-68 no ano 2019 e na actualidade o Goberno Vasco está negociando 12 competencias máis, entre elas: Prisións, Seguridade Social, e Transportes por estradas e mentres tanto o goberno da Xunta e Feixóo, reitera permanece na “ parálise política”.
Galiza precisa “máis ferramentas políticas e financeiras” para defender os seus intereses e no contexto de pandemia son máis urxentes para facer fronte aos novos retos derivados da COVID.
Neste momento, afirma Bará, dende o BNG consideramos indispensable que sexan transferidas as competencias de Tráfico e Seguridade Viaria pero tamén avanzar en competencias pendentes como: Salvamento e Seguridade marítima, Xestión da Costa e de dominio público marítimo terrestre, Institutos de Investigación Oceanográfica, Autoestradas do Estado ou Portos de Interese Xeral.
Na sesión plenaria o BNG tamén interpelará á Xunta sobre as negociacións das transferencias pendentes.