Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG insiste no Parlamento na mellora do servizo de fisioterapia na Mariña

A Mariña, sábado 3 de abril de 2021. A situación da Sanidade Pública da Mariña continua a ser de extrema precariedade. A inmensa maioría dos servizos sanitarios presentan eivas tanto na cantidade de persoal como na cantidade de medios e o servizo de fisioterapia tamén está a sufrir estas eivas. Esta situación de precariedade é unha das máximas preocupacións da sociedade mariñá e por eso o BNG esixe da Xunta respostas e solucións a todo o que está a acontecer na sanidade mariñá, máxime desde que o Partido Popular suprimíu a área sanitaria propia da Mariña, coa conseguinte merma nos servizos sanitarios públicos.

Neste sentido o deputado nacionalista mariñao Daniel Castro sinala o feito de que o Hospital da Mariña conte só cunha médica rehabilitadora para perto de setenta mil habitantes, o que da fé da sobrecarga de traballo na que están inmersas as profesionais, sobrecarga que se fai ainda maior se se ten en conta que no Centro de Saúde de Burela non existe este servizo que tamén afirmou que “este problema non se circunscribe soamente ao concello de Burela xa que a ausencia de profesionais desta especialidade pode dicirse que está xeralizada na totalidade da comarca. Deste xeito observamos como tanto no concello de Viveiro e no de Ribadeo os seus centros de saúde non contan con servizo de fisioterapia na quenda de tarde. Isto ademais dá lugar a unha situación canto menos estraña na que na Atención Primaria dispoñemos de instalacións que están infrautilizadas, dotadas de material, nas que faría falta contratar fisioterapeutas para darlles total rendemento, alixeirar as agardas e evitar derivacións á privada que acaban sendo a última das consecuencias do desleixo deste servizo. Alén de todo isto, temos tamén os exemplos de Foz e Mondoñedo que a día de hoxe non teñen garantido a atención fisioterapéutica nos seus centros de saúde nas quendas de mañá e de tarde”.

Na proposición non de lei presentada no Parlamento o BNG demanda dotar cun ou cunha profesional da fisioterapia para as quendas de tarde aos centros de saúde de Ribadeo e Viveiro, dotar así mesmo ao Centro de Saúde de Foz, unha vez exista o servizo de fisioterapia no concello de Mondoñedo, de un ou unha profesional da fisioterapia máis na quenda de mañá e de dous ou dúas na quenda de tarde.
Demanda tamén dotar ao centro de Saúde de Burela dos servizos de fisioterapia nas quendas de mañá e tarde, así como aumentar o número de médicos e médicas rehabilitadoras no Hospital da Mariña en Burela.
E piden tamén garantir que o servizo de fisioterapia respiratoria de atención temperá se poida realizar no propio Hospital da Mariña previa contratación doutro ou doutra profesional.

Exit mobile version