Lugo, 28 de abril de 2021. O BNG sacou adiante no pleno provincial unha moción en demanda dun plan que garanta o retorno socioecomico e o respecto aos valores medioambientais dos parques eólicos, entre eles, os máis de 75 parques eólicos en tramitación, en solicitude ou previstos nas comarcas de Lugo, especialmente na franxa litoral e na montaña lucense.
A proposta, que se aprobou cos votos de nacionalista e socialistas, demanda á Xunta de Galiza a aprobación “dun novo plan sectorial eólico que conte cunha ampla participación dos axentes implicados e que harmonice os obxectivos e intereses económicos , sociais e medioambientais, reducindo ao mínimo os procesos expropiatorios”.
O voceiro nacionalista Efrén Castro explicou que “co marco actual, a Mariña interior e a montaña estarán hinzadas de parques eólicos, sen ningún tipo de retorno para o territorio, nin se crean posto de traballo, nin conseguimos beneficios por producir enerxía eléctrica, ao contrario, pagamos a máis cara do Estado”, indicou en relación co “plan kamikaze” da Xunta de Galiza que “viste de traxe verde un modelo de arrase dos recursos propios”
Efrén Castro defendeu un desenvolvemento da enerxía eólica responsable e planificado, que xenere contraprestacións sociais e económicas para a veciñanza” e puxo como exemplo o plan impulsado polo BNG desde a Xunta de Galiza, refrendado pola xustiza tras a derrogación por parte do Partido Popular.
A proposta tamén demanda ao goberno central que desbote a elaboración do documento de determinación do alcance do estudo de impacto ambiental dos tres macroproxectos de Reobrdechao, Prada e Barxas, promovidos pola norueguesa Statkraft, na franxa entre Galiza e O Bierzo, polos graves prexuízos ambientais, económicos e sociais que tería sobre o territorio.