O BNG de Viveiro vén de reunirse co groso das asociacións, clubes e entidades sen ánimo de lucro de Viveiro para constatar unha vez máis, a necesidade imperiosa de mudar o sistema de adxudicación das subvencións que vén facendo o goberno do PSOE sen aplicar ningún criterio obxectivo. Esta é a principal demanda que nos trasladan e que debe ser atendida coa maior das urxencias.
Demandan un reparto de fondos públicos en base a criterios de obxectividade, concorrencia e publicidade que garantan a transparencia das actuacións administrativas, poder participar e ser escoitados por parte do Concello en todo o que ten a ver coas subvencións que lles son outorgadas, xa que o actual sistema, discrecional, está a dificultar e moito o desenvolvemento da súa actividade. Primeiro, porque as cantidades concedidas en base a criterios subxectivos, non son suficientes para desenvovler cun mínimo de decencia a súa actividade; e segundo porque non lles permite deseñar a súa actividade cun mínimo de previsión, polo que reclaman a adxudicación de fondos a dous anos vista.
Esta situación está a ocasionar un profundo malestar na veciñanza, especialmente na que colabora directamente con entidades e colectivos cidadáns sen ánimo de lucro, pois os repartos non garanten a equidade nin permiten desenvolver a súa actividade de forma eficiente.
O goberno de María Loureiro debe ser coñecedor de que no Concello de Viveiro está vixente dende o ano 2004 a ORDENANZA REGULADORA DA CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS DO CONCELLO DE VIVEIRO, con data de publicación definitiva 2 de xuño de 2004. Lembramos que este texto naceu a inciativa do concelleiro nacionalista, Xosé Antón Goás Basanta (Mitas), responsábel da área de deportes como membro do bipartido BNG-PSOE, e nel se estabelecen as bases e criterios para o reparto de fondos públicos municipais conforme e que non se está a aplicar.
Polo anteriormente exposto, o BNG presenta esta moción, posta en común coa gran parte das asociacións, clubes e entidades sen ánimo de lucro de Viveiro, demandando a aprobación dos seguintes acordos:
1. O equipo de goberno do concello de Viveiro, calquera que sexa a súa composición, comprométese a partir da data de aprobación desta moción a aplicar a ORDENANZA REGULADORA DA CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS DO CONCELLO DE VIVEIRO aprobada en data 2 de xuño de 2004.
2. Levarase a cabo a creación dunha comisión da que formen parte todas as entidades e colectivos cidadáns sen ánimo de lucro do concello de Viveiro así como os grupos políticos presentes na Corporación, para acordar AS BASES REGULADORAS da concesión de ditas subvencións que deberán estar elaboradas para a súa aplicación dende o vindeiro orzamento do ano 2022.
3. Garantir que todas as entidades e colectivos cidadáns sen ánimo de lucro do concello de Viveiro conten co apoio técnico dos Servizos Económicos do Concello de Viveiro para o trámite e información das xestións habituais destas entidades.