Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro insiste en dar cumprimento ao acordo relacionado co Parque das Irmandades da Fala

Viveiro, 24 de abril, 2021. O Bloque Nacionalista Galego ten que insistir unha vez máis nos incumprimentos que, por parte da Alcaldía, se fan de acordos decididos unánimemente por todos os Grupos do Concello de Viveiro.

Coincidindo co mes no que se celebra o Día das Letras Galegas, presentamos hoxe aquí dous dos incumprimentos que teñen relación con Antón Vilar Ponte e coas Irmandades da Fala. En primeiro lugar temos que nos referir a 6 vidreiras da autoría do artista Xosé Luis Neira Brochs que estiveron no vestíbulo do comercio “Exclusivas Novo”, na Praza de Lugo, propiedade do comerciante Modesto Novo Guerreiro. Este mural estaba composto por 5 escudos ( A Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra e Viveiro) e o busto do viveirés Antón Vilar Ponte.

Cando o comercio do señor Novo Guerreiro cesou a súa actividade este comerciante doou, en decembro de 2011, estas vidreiras ao Concello de Viveiro para que fosen colocadas nalgún edificio público do Concello. Van alá case 10 anos e cónstanos que o señor Novo Guerreiro interesouse en varias ocasións polo destino desta obra, gardada, supoñemos, nun almacén municipal. Todas as manifestacións que tanto o anterior alcalde como a actual alcaldesa fixeron sobre o destino destas vidreiras foron incumpridas.

En segundo lugar faremos referencia a un acordo plenario de 3 febreiro de 2016. Nesta sesión o Grupo Municipal do BNG presentou, coincidindo co centenario das Irmandades da Fala, unha moción “para nomear a nova zona axardinada do recén derrubado edificio da Opel”, fronte á capela da Misericordia , como “parque das Irmandades da Fala”. O acordo unánime da Corporación foi o seguinte:

1.Nomear a zona axardinada de nova creación onde se atopaba o edificio da antiga Opel como “Parque das Irmandades da Fala”.

2.Solicitar á Deputación de Lugo, a financiación dun monólito a colocar no propio parque en homenaxe ás Irmandades da Fala. Facer coincidir a colocación da placa co novo nome do parque, co día 18 de maio, data de creación das Irmandades da Fala, coa celebración dun acto institucional de homenaxe ás Irmandades.

Pasaron, nesta ocasión, 5 anos e o acordo segue sen se cumprir. Fóra dun acto organizado polo Concello para conmemorar o centenario das Irmandades, na rúa Pastor Díaz, fronte á casa onde naceron os irmáns Vilar Ponte, nada máis se ten feito. Nen nomear a zona axardinada nen colocar monólito algún.

Por todo o anteriormente exposto, o BNG propón a aprobación dos seguintes acordos:

1.Que neste mes de maio de 2021, se recupere o mural de vidrieiras doado polo señor Novo Guerreiro no 2011 e, tendo en conta a opinión do donante e do artista Xosé Luis Neira Brochs se coloque este mural nun lugar adecuado dun edificio público de Viveiro.

2.Que, no prazo de 3 meses, os técnicos municipais elaboren un proxecto para axardinar o espazo onde estivo o taller da Opel e, neste mes de maio de 2021, se xestione a colaboración económica da Deputación de Lugo para axardinar e colocar unha placa coa denominación de “Irmandades da Fala” coa finalidade de que no vindeiro mes de agosto de 2021 se inaugure oficialmente este espazo.

Exit mobile version