Santiago de Compostela, 8 de abril, 2021. A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado, a través dunha proposición non de lei, alertou da “lentitude” na campaña de vacinación contra a COVID 19, iniciada o 27 de decembro, ao que sumou un “ritmo de inmunización por debaixo do anunciado pola Xunta de Galiza”. A deputada advertiu que hai grupos de poboación “moi vulnerábeis pendentes aínda de recibir a primeira dose”.
Apoio unánime á proposta nacionalista
A iniciativa do BNG para que a Xunta presente na Cámara galega “ a actualización da estratexia de vacinación para os vindeiros meses, coa priorización de grupos, lugares para a administración de vacinas, papel da Atención Primaria e reforzo de persoal así como a publicación de todos os datos desagregados referidos ao proceso de vacinación: grupos de prioridade, e lugares de lugares de vacinación”, foi aprobada por unanimidade na comisión de sanidade celebrada hoxe no Parlamento galego.
Grupos vulnerábeis e esencias pendentes da primeira dose
Na defensa da iniciativa, Prado lembrou que os atrasos de vacinación e o Plan de vacinación da Xunta de Galiza estableceu a progresiva administración da vacina a grupos de poboación en risco de contaxio por estar en primeira liña de loita contra o virus ou desenvolver actividades esenciais, “grupos vulnerábeis, como maiores de oitenta anos ou grandes dependentes”, e a partir de aí por grupos de idade. Sen embargo, recalcou, a realidade é contraria a propaganda da Xunta xa que grupos prioritarios como “o Servizo de Axuda no Fogar, SAF”, encadrado no grupo 3 da estratexia de vacinación, que debía ser inmunizado inmediatamente despois do persoal das residencias de maiores e persoal sanitario que traballa en primeira liña contra a COVID, “continúan agardando a seren vacinados”. Un colectivo, explicou a nacionalista, con máis de 24.000 persoas que se enfrontan á COVID19 nos fogares de persoas dependentes.
A nacionalista lembro que a CIG ven de denunciar esta situación sobre todo en grandes concellos como o de Vigo con máis de 350 traballadoras/es do servizo no que “unicamente arredor dun 10% foron vacinadas/os, algunhas/os coas dúas doses pero outras/as só coa primeira”.
Prado engadiu que tampouco están sendo vacinados “grupos de dependentes, ou maiores de 80 anos dos que 26.638 aínda non recibiron ningunha dose e con dúas doses non alcanza o 40%”, seis puntos por debaixo da media estatal.
Na súa intervención tamén aludiu ás persoas afectadas de cancro, transplantadas, en diálise, con VIH ou con inmunodeficiencias sobre as que non existe información de cando se procederá a súa vacinación. Estas persoas, dixo, están a vivir unha situación de grande incerteza e desesperación tras o autoconfinarse dende o inicio da pandemia debido ao seu “elevadísimo risco de contaxio”.
O persoal sanitario do Instituto Social da Mariña en Galiza, médicas, enfermeir@s, auxiliares de clínica, foi vacinado hai uns días tras denunciar a situación á que sumou o persoal do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) e Servizo de Gardacostas.
Por outra parte, explicou que a actualización 3 da Estratexia estatal de vacinación, establece un novo punto 6 para definir os colectivos en activo cunha función esencial e un Grupo 6A para as Forzas e Corpos de Seguridade, Emerxencias e Forzas Armadas, incluíndo Garda Civil, Policía Nacional, Autonómica e Local, Bombeiros, técnicos das Forzas e Corpos de Seguridade, profesionais de Protección civil, Emerxencias e Forzas Armadas. Do mesmo xeito no Plan de Vacinación da Xunta, o Grupo 6 mantén a definición estatal e o 6. A inclúe as Forzas e Corpos de Seguridade, Emerxencias e Forzas Armadas. En opinión da deputada, “O persoal do Servizo de Vixilancia Aduaneiro e de Gardacostas debería estar no grupo 6A, pola equiparación de funcións”.
Prado afirmou que o ritmo de vacinación é diferente segundo áreas sanitarias porque en Galiza “non se está facendo tan ben como afirma a Xunta e o PP” e para evidenciar a falta de persoal, organización e loxística no proceso de vacinación, amosou diversas fotografías con “centos de persoas amoreadadas e sen distancia formando numerosas colas”. Finalmente reclamou seguir de maneira “escrupulosa” os criterios para que as vacinas cheguen aos colectivos fixados no Plan de Vacinación e unha maior planificación e organización para non poñer en risco á poboación.