Así, para impulsar a rehabilitación edificatoria e o mantemento dos inmobles, os particulares poden acceder ás axudas establecidas nos programas de fomento da conservación, da mellora da seguridade e da accesibilidade, no marco do plan estatal de vivenda 2018-2021, e tamén ás da liña para optimizar a eficiencia enerxética de edificios existentes.
Igualmente, os propietarios de vivendas poden optar ás achegas dos programas de rexeneración e renovación urbana e rural no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago e no da ARI da Ribeira Sacra; e tamén, ás axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas, con financiamento plurianual.
Por outra banda, establécense dúas iniciativas de apoio aos concellos: as do programa de infravivenda rural, destinadas a rehabilitar inmobles do seu propio patrimonio ou de particulares para mellorar a calidade de vida dos residentes; e as destinadas a acondicionar vivendas de titularidade municipal co fin de destinalas ao alugueiro social.
Paralelamente, continúan en prazo de presentación de solicitudes as medidas de apoio para o acceso á vivenda mediante a compra en cascos históricos, dos que hai 13 declarados na provincia de Lugo.