Inés López explica que “o venres 23 os libros tomarán as rúas focegas. As librarías do concello sacarán á praza da glorieta de Vilalba unha mostra das novidades editoriais e dos múltiples libros que se poden atopar nos seus anaqueis. Durante a xornada haberá sinatura de libros durante a tarde e música”.
A edil especifica que “durante a mañá do mesmo venres a sinatura de libros será nunha caseta que se instalará na Praza do Concello. Dende a Delegación de Cultura quérese achegar o hábito da lectura a toda a poboación, para o cal se agasallará con libros aos veciños que pasen por ela e tamén na Biblioteca Municipal. Autores locais asinarán libros publicados en anos anteriores. Pola caseta municipal pasarán: ás 10.30 Antón Niñe, ás 11.00 Xesús do Breogán, ás 12.00 Ramón Reimunde e ás 12.30 Paco Rivas. Tamén haberá libros para os máis pequenos. Xa durante a tarde será a quenda das contacontos. Aldaolado fará unha representación para adultos ás 20 horas na Sala Bahía, na que porá en escena A epístola de Aldaolado ás neofanlantes, unha reflexión do estado actual da lingua galega e o seu futuro, contado todo a través do humor e a música”.
Inés López engade que “o sábado 24 ás mesmas artistas achegarán ao público infantil A ovella Engracia; será ás 18.30 tamén na Sala Bahía. A ovella Engracia converterase na primeira ovella contadora de historias do mundo e contaranos a súa decisión de escapar e comezar unha viaxe e andar atrás da lúa”.
Para acudir ás representacións desta fin de semana, en cumprimento das medidas sanitarias, será necesario anotarse no teléfono 982.140.027, na extensión 3.
A concelleira de Cultura anima aos veciños a achegarse á literatura, “mercando no comercio local ou achegándose á Biblioteca Municipal e á caseta da Praza do Concello porque, como dixo Miguel de Cervantes, el que lee mucho y anda mucho, ve mucho y sabe mucho.”