O alcalde, Fran Cajoto, explica que “con cargo a fondos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o Concello de Foz procedeu á limpeza das marxes e ao aglomerado en quente da subida a Vilela, en San Martiño, que tiña un firme en moi mal estado. A actuación completouse coa disposición da sinalización horizontal, pintando ambas marxes na totalidade do vial”.
Fran Cajoto engade que “tamén se rematou a mellora de viais en parroquias contemplados no Plan Único do 2020, procedendo á sinalización vertical, pintado e algunha actuación de mellora da drenaxe, como unha nova canle de desaugue, no núcleo de Demoroi, en Nois. Estamos satisfeitos co resultado, aínda que quedan moitos camiños e rúas en mal estado en todo o concello”.
O Concello de Foz enmarca estas actuacións dentro do plan de accións de mellora de camiños e viais das parroquias, nas que vive máis do 40 por cento da poboación do municipio, destaca o alcalde.