Suárez Barcia indicou que “nesta Semana Santa tan singular con tan pouco movemento, con todo e a pesar de todo isto, tivemos datos positivos dado que o total de viaxeiros atendidos nas dúas oficinas de turismo que temos aquí en Ribadeo, unha delas na vila e outra na praia das Catedrais estes días de Semana Santa, atendemos a 1.209 persoas, 415 na da vila e practicamente o dobre, 794, no punto de información turística das Catedrais”.
O alcalde ribadense contou que “no tocante á procedencia, como non pode ser doutra maneira, todos os viaxeiros eran galegos e galegas, sempre acompañados ben pola familia ou ben pola parella. Destacar que a xente viña de cidades coma Vigo, da Coruña ou de Ourense, buscando escapadas para desconectar e para reconectar coa natureza, e qué mellor que Ribadeo para todas estas cuestións”.
Fernando Suárez dixo que “a ocupación hoteleira, polo que puidemos saber durante este período, roldou aproximadamente o 70%, logo de preguntar a unha parte importante do sector e de facer as correspondentes aproximacións estatísticas”.
O rexedor engadiu que “tamén temos que dicir que durante esta Semana Santa, e co fin de potenciar a imaxe turística de Ribadeo como destino de cultura e tamén de natureza, organizamos unha serie de visitas guiadas gratuítas. Temos que destacar que todas elas estiveron limitadas por mor da Covid-19, pero que todas colgaron o cartel de completo. Quere isto dicir que, si a partir de agora as vacinas chegan de verdade en número e cantidade e podemos ter estes obxectivos na época estival, seguramente non sexa un verán como foi evidentemente o de hai anos, pero Ribadeo séguese poñendo como un lugar atractivo, non masificado e con moito que ver de cultura e de natureza”.