Burela, 9 de abril de 2021. O Concello burelés acolleu esta tarde o acto de recoñecemento á atleta local Lidia Balseiro, que quedou Campioa Galega de 1000 metros sub12.
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, explicou que “no día de hoxe desde o Concello de Burela vimos de facerlle un pequeno recoñecemento a Lidia Balseiro, que se acaba de proclamar campioa galega de 1000 metros na súa categoría de sub-12”.
O edil burelés subliñou que “non é o primeiro campionato que gaña Lidia e como facemos sempre tentamos recoñecer eses méritos que fan os nosos deportistas en nome das veciñas e dos veciños de Burela”.
Fernández Reyu dixo que “Lidia Balseiro leva unha progresión moi boa. É unha deportista que está empezando a destacar moito no atletismo a nivel galego. Desde o Concello desexámoslle que siga así, que disfrute do deporte e dos seus valores, que o siga practicando e conseguindo éxitos. Nós estamos encantados de recibila e de facerlle este recoñecemento”.
No acto participaron o alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández. Lidia Balseiro acudiu acompañada dos seus proxenitores.