Viveiro, 24 de abril de 2021. O Concello de Viveiro entregou esta mañá os premios dos certames de debuxo infantil e fotografía amateur convocados no marco da programación do Día da Muller. Ambos concursos trataron a figura da muller no traballo, co obxectivo de sensibilizar á cidadanía sobre a igualdade laboral entre homes e mulleres.
O certame de debuxo infantil, celebrado co apoio dos centros educativos, centrouse na temática “mamá traballadora”. Entre os debuxos presentados polos cativos e cativas, resultaron gañadoras as obras de Juan Míguez Vázquez, Antía Pardo Andino, Beatriz García Fernández e Laura Peña Rodríguez.
No caso das obras fotográficas, centradas na temática “traballos e mulleres”, foron premiadas as imaxes de Sandra López López, Esther López Álvarez , Paco López López e María Simón Cundís.
Dado o contexto sanitario, os certames desenvolvéronse telematicamente, presentando as obras en liña, polo que a veciñanza puido votar polas súas favoritas.
No acto de entrega de premios, que cumpriu co protocolo sanitario pertinente, estiveron presentes Jesús Fernández, tenente de alcalde de Viveiro, e Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura de Viveiro.
“Agradecemos a alta participación dos centros educativos, no caso do certame de debuxo, e dos particulares, no de fotografía. Este tipo de proxectos de sensibilización son clave para que continuemos loitando pola igualdade entre homes e mulleres”, afirmou Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.