Site icon Crónica3.com A Mariña

Entregados 2 títulos aos centros de ensino de Ribadeo para o fondo das súas bibliotecas

Ribadeo, 20 de abril de 2021. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, fíxolles entrega ás directoras e director dos centros de ensino de Ribadeo de varios exemplares de 2 libros editados recentemente para que formen parte das súas bibliotecas.

Cen historias máxicas pola Mariña encantada, de Antonio Reigosa con ilustracións de Neira Brosch, foi editado por Gráficas Lar, de Viveiro, e patrocinado pola Área de Cultura da Deputación da Lugo. Trátase dun libro no que se recollen encantos, milagres, seres e lugares lendarios da comarca. Hai uns días que a vicepresidenta da institución provincial, Maite Ferreiro, lles entregou aos Concellos 500 exemplares desta publicación para a súa distribución nas bibliotecas e nos centros educativos. E iso foi o que fixo onte a edil ribadense, Pilar Otero, co obxectivo “de contribuír á divulgación do acervo cultural e da creación artística da comarca en particular e da galega en xeral”.

Ademais de exemplares do devandito libro os centros de ensino tamén contarán con Rosas envaiñadas, un poemario do autor focense Paco Rivas.

O acto de entrega destes libros aos centros de ensino de Ribadeo tivo lugar na Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho.

Exit mobile version