Burela, a 21 de abril de 2021. O PP de Burela considera “vergoñento que se culpe á intervención municipal da falta de logopeda no Centro de Atención Temperá”. Así o sinalan os populares en relación ás últimas declaracións da concelleira de Servizos Sociais, Carmela López.
“A Sra. López leva pouco tempo no cargo; pero xa asumiu coma propios algúns dos malos vicios do seu mentor, o Sr. Llano”, indican os populares, “tratando de desviar así a súa pésima xestión neste asunto ao implicar ao departamento de intervención do Concello”.
Dende o PP burelés lembran que “a problemática da falta de logopeda xa se ben dando dende hai meses; mentres que a praza de intervención municipal hai escasamente unhas poucas semanas que quedou vacante, polo que o goberno municipal tivo tempo e tempo para solucionar esta situación”. Con todo, os populares remarcan que “a incapacidade para xestionar o día a día da vida municipal do noso Concello por parte do goberno do Sr. Llano é algo que non é novo e xa non nos pilla por sorpresa”.
Os populares xa advertiran o ano pasado, cando se aprobou o orzamento, de que esta situación se ía reproducir novamente se o Sr. Llano e o seu equipo non buscaban unha solución. “Nós propuxemos, tendo en conta que a axuda que remite a Xunta de Galicia para cubrir este servizo tan importante é moi similar dun ano para outro, crear unha partida orzamentaria específica que adiantara os cartos da subvención que remitiría con posterioridade a Administración Autonómica e que permitise garantir a continuidade do mesmo; unha proposta que xa levábamos no programa electoral”, segundo explican dende o PP. A este respecto, indican dende o Grupo Municipal Popular que “tanto o Sr. Llano como o seu equipo de goberno fixeron oídos xordos á nosa proposta e, tal e como o tempo demostrou, foron incapaces de resolver o problema que eles mesmos crearon”.
Un suma e segue na pésima xestión da Sra. López á fronte da súa concellería
Dende as filas do PP recordan que “tardou máis dun ano en actualizarlle o soldo ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) dende que asumiu a concellería de servizos sociais e incrementou a niveis nunca vistos o custe do novo contrato do SAF sen ter a axeitada consignación orzamentaria para elo. Tamén cedeu o primeiro bloque das antigas vivendas dos mestres do colexio dos Castros para emerxencia social, algo que dende o PP vemos con moi bos ollos”; pero critican que, “por desgraza, non están acondicionadas debidamente; xa que hai filtracións e humidades. E tampouco lles buscou unha nova localización ás catro asociacións que, ata ese momento, as estaban a usar”. Dende o Grupo Municipal Popular engaden a esta “pésima xestión da Sra. López á fronte da concellería de Servizos Sociais esta pasividade á hora de ofrecer unha solución á praza de logopeda buscando chivos expiatorios na intervención municipal”.
Os populares din que “non temos nada en contra das fotos e dos posados, tanto na prensa como nas redes sociais pero, se van acompañados duns resultados froito do traballo, moito mellor”.