Ribadeo, 19 de abril, 2021. Dúas persoas precisaron ser atendidas a raíz dun lume orixinado nunha manta eléctrica da súa vivenda en Ribadeo.
Foi arredor das cinco e media da mañá cando o 112 Galicia recibiu a alerta dun particular que solicitaba asistencia médica para a súa avoa na avenida Leopoldo Calvo Sotelo. Explicoulle aos operadores do CIAE-112 que acababa de comezar a arder unha manta eléctrica nun colchón da casa e que, aínda que o lume xa estaba sufocado, quedaba moito fume no bloque.
Nese momento, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informouse aos Bombeiros de Barreiros, aos axentes da Garda Civil, aos membros de Protección Civil da localidade e aos servizos sanitarios de urxencia.
Finalmente, os medios de extinción só tiveron que facer tarefas de ventilación no lugar. Ademais, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061 confirmaron ao 112 que atenderon á inquilina e ao seu fillo no mesmo domicilio e que non precisaron ser trasladados.