Site icon Crónica3.com A Mariña

Descartada a celebración das Quendas 2021

Foto de arquivo

Mondoñedo 15 de abril 2021. A Asociación As San Lucas de Mondoñedo informa que este ano, como xa aconteceu na pasada edición, “tristemente”, a cidade non celebrará as súas tradicionais Feiras e Festas das Quendas 2021. A organización adopta esta decisión ante a situación actual concreta que se está a vivir neste momento a causa da pandemia do Covid-19, “nun país inmerso nun estado de alarma, coa implantación de medidas restritivas como é o toque de queda, ademais de verse afectado por novas variantes moito mais contaxiosas e letais”.

Dende a Asociación organizadora das Feiras e Festas das Quendas consideran que o “prioritario neste momento é garantir a saúde e o benestar” tanto dos veciños e veciñas como dos “visitantes que anualmente se desprazan ata esta cita festiva”, que reúne en Mondoñedo a centos de persoas, atraídos por un completo programa de actos.

Pese á dificultade e a tristeza que implica a decisión de descartar a celebración das Quendas, a organización chega a este acordo “coa previsión de que xa queda pouco e co desexo de que nos vindeiros meses estaremos todas e todos vacinados e con saúde”. Deste xeito, a Asociación As San Lucas “mira ao futuro, pensando nas San Lucas, traballando no programa para o outono, período no que moitas persoas collerán as súas vacacións e durante o que agardamos vervos a todas e a todos con saúde desfrutando das feiras máis antigas de Galicia e que estas sexan, coma sempre, lugar de encontro, feira, festa, tradición e cultura”.

Por último, A Asociación As San Lucas quere deixar constancia do seu agradecemento “ante a comprensión, a solidariedade e o apoio” que están a demostrar durante estes meses os veciños e veciñas en relación coas decisións tomadas ao respecto da celebración das festas e, sobre todo, destacar que “estamos desexando vivir As San Lucas se cabe con máis ilusión e intensidade”.

Exit mobile version