Burela, 5 de abril, 2021. Este luns tivo lugar a inauguración do novo curso formativo impartido pola redeira María Jesús Alonso López no CRPL de Burela da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña” , enmarcado como acción formativa da actividade de CREAMAR da “Aula do Mar A Mariña”.
Este curso forma parte deste gran proxecto inclusivo e concedeuse ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobada pola Consellería do Mar ao Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) a Mariña- Ortegal no marco do FEMP.
O obxectivo específico no que se enmarca o proxecto versa sobre o fomento do crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e á mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior dependentes da pesca e a acuicultura, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima”.
A Creación da Aula do Mar de A Mariña é un proxecto medioambiental e de integración social para persoas con enfermidade mental crónica no cal se pon en valor o patrimonio costeiro, os recursos patrimoniais e ambientais da zona de A Mariña-Ortegal.
A localización física da “Aula do Mar” está en Cervo, na Unidade Residencial da entidade ainda que é preciso dicir que ten un carácter itinerante posto que se realizan actividades ó redor de toda a contorna, coa realización de saídas e visitas culturais polos diferentes concellos da comarca para reforzar así a identidade local da zona costeira, así como nos Centros de Rehabilitaciòn Psicosocial e Laboral de Burela e Ribadeo para que se podan beneficiar deste proxecto a meirande parte dos noso colectivo . Por iso, este novo curso de elaboración de productor artesanais con redes ( bolsos, colares, pulseiras, chaveiros…. ) está a ter lugar no Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela e levarase a cabo durante os meses de Abril, Maio e Xuño.
Durante esta mañá os 10 participantes xa se puideron deleitar coa aprendizaxe dos primeiros nudos para elaborar unhas pulseiras do mais chamativas e fermosas, onde se pon en valor o traballo mariñeiro.
A última hora da mañá todos se sentían orgullosos de lucir nas súas propias muñecas as súas obras de arte. Con isto contribuímos tamén a mellorar a súa autoestima e traballar habilidades cognitivas como a atención, a concentración e unha importante psicomotricidade fina.