A edil Noelia Mª Ben explica que “a temática deste curso é coñecer o Goberno, lexislación e participación cidadá, os dereitos e deberes fundamentais e a organización territorial e a xeografía física e política de España. Ademais de coñecer a cultura e a historia do país e a sociedade española”.
A concelleira de Inmigración e Cooperación engade que “con esta formación trátase de axudar a preparar a mencionada proba esixible para a obtención da nacionalidade española”.
O cursiño ofertado terá unha duración de 50 horas e será impartido dende o 10 ata o 27 de maio en dependencias do Concello de Burela. As persoas interesadas poden solicitar máis información na Casa do Concello ou chamando ao 982 58 60 00.