Site icon Crónica3.com A Mariña

Cribado este luns en Ribadeo ante o gromo detectado en Arante

Ribadeo, 10 de abril de 2021. Tras o gromo detectado nas últimas horas en Remourelle, na parroquia ribadense de Arante, o vindeiro luns, 12 de abril, terá lugar un cribado para a prevención da covid19. O alcalde, Fernando Suárez, a través dun Bando, fai un chamamento á participación. As probas realizaranse no pavillón polideportivo situado na Avenida de Luarca.

O Bando di que “desde o Concello de Ribadeo tivemos coñecemento dun gromo producido nas últimas horas que afecta especialmente ao núcleo de Remourelle, na parroquia de Arante. Segundo as información que puntualmente recibimos das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e mais da Delegación de Sanidade de Lugo, estas novas incidencias rachan unha liña de moi pouca incidencia acumulada no noso Concello de Ribadeo nos últimos tempos. Desde o Concello suxeriuse a posibilidade de facer un cribado na totalidade desta parroquia, agora que parece que o foco pode estar concentrado dentro dunha área limitada. As autoridades sanitarias accederon polo que ambas as dúas institucións estivemos a coordinar as accións para realizar”.

Trátase dun cribado xeral para todos os veciños e veciñas da parroquia de Arante, que se realizará este vindeiro luns, 12 de abril, no pavillón polideportivo de Ribadeo, situado na Avenida de Luarca. O Sergas comunicará previamente a hora á que deberán acudir a esta cita.

O rexedor, a través deste Bando, sinala que “para isto estamos en contacto coas Asociacións de Veciños e Veciñas desta parroquia para facilitar os datos de contacto das unidades familiares para ter todo disposto ao longo desta fin de semana e que o luns se poida realizar con éxito a proba a toda esta poboación da parroquia de Arante”.

E subliña que “o Concello de Ribadeo fai un chamamento á participación no cribado voluntario organizado polo Sergas para a prevención da expansión da covid-19. Desde o Concello de Ribadeo valoramos moi positivamente a actuación rápida e coordinada coas Autoridades Sanitarias do Hospital da Costa e da súa Delegación Provincial de Sanidade para actuar e tentar atallar canto antes posibles novos contaxios”.

No Bando o rexedor engade: “e, unha vez mais, desde o Concello queremos reiterar o compromiso individual que cada unha das persoas de Ribadeo debemos manter coas máximas medidas de protección contra o covid19. Vemos que facilmente se pode pasar dunha situación de tranquilidade sanitaria a outra con novas restricións específicas para o noso termo municipal”.

Exit mobile version