Segundo Sarmiento, neste Primeiro de Maio farase un «recoñecemento» ao persoal dos sectores esenciais, así como ás delegadas e delegados sindicais, que durante todos estes meses mantiveron «unha actividade frenética para defender os intereses da clase traballadora».
Pero o recoñecemento «non pode quedar nun mero xesto moral», senón que ha ir acompañado de actuacións e compromisos concretos que melloren as súas condicións de traballo, puntualizou. Neste sentido, o secretario xeral de CCOO criticou que as patronais queiran saír desta crise igual que da anterior, con «recorte de dereitos, de desvalorización de salarios e de perda de retribucións».
Por esta razón, Sarmiento pediu unha «participación masiva» nas mobilizacións do próximo sábado, pois estamos nun «momento determinante» para abordar o xeito en que se debe dar a saída da crise.
Pola súa parte, o secretario xeral de UGT xulgou «imprescindible» retomar a axenda social e recuperar a mobilización, polo que instou o Goberno do Estado a «retomar os compromisos cos sindicatos e coa cidadanía».
A primeira reivindicación, a derrogación da reforma laboral, para poder devolver o equilibrio ás relacións laborais. Canda ela, a derrogación da reforma das pensións do 2013 e subir o SMI ata o 60% do salario medio. «Son demandas xustas e lexítimas», incidiu.
José Antonio Gómez tamén instou o Executivo central a dar «resposta xa» aos conflitos, xa longos no tempo, de Alcoa en San Cibrao e de Alu Ibérica na Coruña. «É necesaria xa a súa intervención por parte do Estado; non pode xerarse máis incerteza nos traballadores e traballadoras». Reclamou, así mesmo, solucións para o sector naval de Ferrol e de Vigo.