Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira: “Non imos parar ata ver un plan de estradas da Deputación enriba da mesa e que os nosos alcaldes sexan recibidos igual que os outros”

Lugo, 09 de abril de 2021. O grupo provincial do PP quere deixar claro ao goberno provincial que non pensa parar ata conseguir que haxa un plan de estradas provinciais riba da mesa na Deputación e ata que os alcaldes populares sexan recibidos polo presidente igual que os outros rexedores e que reciban un trato igualitario. Os populares, á vista das declaracións efectuadas polo presidente José Tomé, en relación co acto celebrado en San Marcos o xoves, consideran que “Tomé está sendo o peor presidente da Deputación con moita diferencia” e censuran “a linguaxe chabacana e machista coa que se refire aos seus rivais políticos”.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinalou: “Como todo o mundo sabe, nestes últimos días as queixas do PP ían directamente ao delegado de Vías e Obras, o señor Tomé, e pedimos a súa renuncia. Onte escondeuse detrás da delegada de Turismo que ten bastante con atender a esta área, porque ten moitas carencias na súa xestión; hoxe, á vista das declaracións do presidente, entendemos porque non saía. Parece que os seus asesores entendían que non debía saír porque cada vez que fala sube o pan. Tomé tenos acostumados no pleno as súas tometinas, saídas de ton que a veces fan gracia e outras non tanta. Desgústanos ver ao presidente da Deputación usar unha linguaxe chabacana e machista, indo na crítica ao persoal, tanto no que se refire a ex presidenta Elena Candia como aos outros rivais políticos. Non asume responsabilidades, non quere facer autocrítica, saber que hai fallos, que hai fochancas na rede viaria, que se producen inxustizas no reparto dos recursos e o único que quere Tomé e xustificarse á súa maneira e no seu estilo”.

Castiñeira afirma, categórico: “No PP imos seguir tratando de que Tomé entenda que non pode seguir sendo delegado de Vías e Obras, por moito capricho que teña e por moito que lle guste cortar cintas e levar as máquinas aló por onde el desexa”. E elo porque, en opinión do portavoz popular, “necesitamos un delegado de Vías e Obras moito mellor xestor e moito menos sectario”. En todo caso, di que “dende hoxe cremos que necesitamos outro tipo de presidente, que nos represente a todos, que non trate de avergonzar aos alcaldes da provincia e que teña presente que a Deputación de Lugo é unha institución moi grande que debe defender a todos independentemente das súas crencias políticas”.

Castiñeira declarou: “O certo é que no tema de Vías de Obras, a área que ten por delegado ao señor Tomé, non se están cumprindo as expectativas. Non é só un asunto de xestión, senón tamén, como lle dixemos onte no acto que celebramos os populares en San Marcos, do tipo de trato, de relación, coa metade dos alcaldes da provincia, os do PP, aos que ten discriminados”. Engadiu: “O presidente Tomé ten que tomar unha decisión; non lle queda outro camiño que deixar Vías e Obras e fiarse dos seus compañeiros”.

Os populares recomendan a Tomé que busque entre os deputados socialistas e nacionalistas ao que o substitúa en Vías e Obras. Castiñeira está convencido de que “a algún deles teno infravalorado; no seu momento xa suxerimos algún nome”. En calquera caso, “o peor de todo é que o presidente Tomé siga á fronte da delegación”. O portavoz popular avisa: “No PP non imos parar ata que vexamos un plan de estradas da Deputación enriba da mesa e que os alcaldes do PP son recibidos en Presidencia como o resto dos alcaldes, porque teñen o mesmo dereito a obras e subvencións. Non imos cesar ata que haxa cambios no goberno da Deputación”. Os populares recomendan a Tomé “que non subestime a fortaleza de 32 alcaldes do PP, que é o partido máis votado nesta provincia nas diferentes eleccións”.

Exit mobile version