Site icon Crónica3.com A Mariña

Asemblea de contas de Acia Burela

Burela, 22 de abril de 2021. A Asociación de Comerciantes, Industria e Autónomos de Burela celebrou o pasado xoves 16 de abril unha asemblea para revisar e aprobar as contas do ano 2020. Esta reunión realizouse cumprindo todas as medidas de seguridade marcadas dende as entidades sanitarias.

Dende hai un ano, a directiva de ACIA Burela atópase en funcións e nesta asemblea comunicou a súa decisión definitiva de dimitir. Os membros da mencionada directiva cren firmemente na necesidade de renovación destes cargos dado que os socios e socias precisan novas ideas, ilusión e accións que axuden a darlle un forte impulso aos seus establecementos. Nesta liña, hai boas novidades xa que se está a crear unha nova candidatura coa finalidade de seguirlle dando apoio e respaldo aos asociados e tamén para que unha asociación, como é ACIA, siga viva e en funcionamento. Mentres non haxa eleccións haberá unha xestora encargada de facer as tarefas ata o momento no que os novos membros da directiva tomen o cargo.

Por mor da pandemia, moitos establecementos están somerxidos nunha situación moi complexa e precisan dunha asociación que traballe arreo e con novas ideas para intentar saír todos adiante, sen deixar a ninguén atrás. Por parte de ACIA queremos conseguir unha asociación máis forte e renovada para así, xunto coa veciñanza, seguir MEDRANDO XUNTOS.

Exit mobile version