A Mariña, 22 de abril, 2021. No Día da Terra 2021, seis organizacións ecoloxistas con ampla implantación na cornixa cantábrica unen as súas forzas para emprender, co soporte dunha campaña de doazóns, un fondo xurídico co que impulsar acción legais para evitar a destrución das montañas cantábricas ante a enxurrada de proxectos eólicos a grande escala.
As entidades impulsoras do proxecto son a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Sociedade Galega de Ornitoloxía, a Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica, a Plataforma para la Defensa de los Valles Pasiegos, a Plataforma Bierzo Aire Limpio, e a Mesa Eólica de Las Merindades de Burgos.
O proxecto, que leva por título Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, conta coa participación dun destacado grupo de xuristas: María Ángeles López Lax, Olga Álvarez García, Víctor Álvarez Bayón, Antonio Ruiz Salgado, María Luz Ruiz Sinde, Fernando Adolfo de Abel Vilela. Todos e todas con experiencia en dereito ambiental e urbanístico e, a maioría, membros da Rede de Avogadas e Avogados para a Defensa Ambiental (RADA).
Portal de doazóns: migranodearena
Será a plataforma migranodearena (https://www.migranodearena.org/reto/fondo-para-la-defensa-de-la-cordillera-cantabrica), portal líder en crowfunding de doazóns, a que acolla esta campaña que se marcou como obxectivo económico acadar os 40.500 euros, dos cales case un 80% estará destinado a accións xurídicas impulsadas polas entidades promotoras, a apoios legais e técnicos a outras entidades e a construír un portal web libre e gratuíto con acceso a asesoramento. O Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica pretende recoller, atender e apoiar as sensibilidades das numerosas iniciativas locais xurdidas nos últimos meses, desde as montañas galegas orientais ata o norte burgalés, desde o occidente asturiano aos vales pasiegos, desde O Bierzo ata as montañas leonesas e palentinas.
Fronte xurídica contra un modelo eólico destrutor
As entidades promotoras da iniciativa destacan o seu compromiso coas enerxías renovábeis -principalmente, a pequena escala, baseadas no autoconsumo ou na proximidade aos grandes polos de uso enerxético-, se ben apuntan á actual falta de planificación e ordenación territorial e á nula sensibilidade ambiental que amosan moitos dos proxectos en tramitación no norte do Estado español, con iniciativa en contornas de enorme interese medioambiental e paisaxístico.
Por iso, con este proxecto centrarán os seus esforzos xurídicos en analizar os defectos en proxectos e nas normas sobre as que deben pivotar os mesmos, na falta de zonificacións vinculantes que contemplen a exclusión de grandes proxectos das áreas con alto grao de biodiversidade, xeodiversidade e valor paisaxístico.
A situación que se está a producir nos últimos meses, cun aluvión de proxectos en Galiza, Asturias, Cantabria e as provincias de Zamora, León, Palencia e Burgos, resulta moi preocupante ante un panorama normativo no que destaca a aprobación hai poucas semana do PNIEC (Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima, publicado no BOE en data 31/03/2021) ou o actual estado de tramitación da Lei de Cambio Climático no Senado. Mentres estes dous piares básicos están por desenvolver, estanse a tramitar ducias de proxectos.
As seis entidades impulsoras contan cunha dilatada experiencia en accións de defensa do medio ambiente e da biodiversidade no norte do Estado e mostran con este proxecto o seu compromiso pola protección dun territorio que sufriu como poucos os efectos da carbonización (minaría e centrais térmicas), os aproveitamentos hidráulicos (grandes encoros) e outras explotación (louseiras, canteiras, biomasa…) que deixaron atrás graves feridas nestas montañas. Sen esquecer que xa son máis de 6.000 os aeroxeradores activos desde La Rioja ata Fisterra.