Santiago de Compostela, 20 de abril , 2021. O BNG acadou o apoio unánime á proposición non de lei defendida pola deputada, Rosana Pérez para demandar do Goberno do Estado a defensa da frota artesanal galega na tramitación, “aínda pendente” do Regulamento de control da Pesca da UE.
O acordo recolle a negativa ás medidas do novo Regulamento relativas a inclusión das cámaras a bordo, imposición da xeolocalización e obriga do diario electrónico de pesca, así como impulsar medidas alternativas e non invasivas dialogadas co sector.
Por outra parte, a nacionalista salientou a necesidade de modificar a definición de frota artesanal tendo en conta os criterios que vén formulando o propio sector dende hai anos. O acordo acadado polo BNG inclúe a actuación para excluír a frota artesanal do sistema de TACs e cotas e negociar unha maior dotación dos fondos europeos, nomeadamente do FEMPA, para atender a eventual obrigatoriedade dos mecanismos de control recollidos agora no Regulamento sen que vaian a conta de partidas destinadas a outras necesidades do sector nin, en ningún caso, do propio sector.
Na proposta do BNG, Rosana Pérez demandou da Xunta un posicionamento público sobre o Regulamento de Control da pesca que vén de aprobarse no Parlamento europeo, “exercer as competencias en augas interiores e aplicar as normas de control propias”.
No suposto dunha aprobación nos mesmos termos do Regulamento de control, afirmou a deputada, o acordo aprobado hoxe por unanimidade contempla elaborar as previsións económicas necesarias para atender os custes da aplicación das novas medidas.
Na defensa da proposta, a nacionalista cualificou de “penúltima estocada ao sector pesqueiro galego” a reforma do Regulamento de control de pesca recentemente aprobada na euro cámara.
A modificación agora aprobada, que aínda non é definitiva e que se prevé que non entre en vigor antes do ano que vén, inclúe, entre outras medidas, explicou a deputada, cámaras a bordo para controlar as capturas e o cumprimento dos descartes para buques de máis de 12 metros, xeolocalización permanente de toda a frota de máis de catro metros, incluída a recreativa, e levar un diario eléctronico de pesca (DEA) a bordo de todos os buques de máis de 4 metros para que notifiquen dende o barco as súas capturas.
Esta normativa, en opinión da deputada do BNG, “volve ignorar por completo a realidade da frota galega e a súa singularidade: o tamaño dos seus barcos, as zonas onde habitualmente faenan, duración das mareas, xeito de faenar e mesmo a operativa na venda do produto”.
Para a deputada, o novo Regulamento representa unha norma que coloca ao sector como “sospeitoso permanente e depredador dos propios recursos” de aí a oportunidade do acordo unánime acadado hoxe no Parlamento galego para frear algunhas das medidas, aínda por aprobar, e que resultan gravemente lesivas para o sector, concluíu.